Skip to main content

Preséntanse os deportistas galegos preseleccionados para os xogos paralímpicos de Río 2016

O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no acto de presentación dos deportistas galegos preseleccionados para os Xogos Paralímpicos de Río 2016, organizado polo Comité Paralímpico Español na Casa do Deporte de Vigo.

Durante a súa intervención, o Secretario Xeral lembrou os logros acadados pola elite dos nosos deportistas paralímpicos, que, ata Río 2016, acadaron 49 medallas. “A Londres 2012 acudiron 10 deportistas paralímpicos galegos e galegas; esta preselección de 15, e o seu enorme nivel competitivo, fainos soñar con facer crecer este medalleiro”, apuntou Lete Lasa.

O responsable de Deportes da Xunta de Galicia resaltou tamén o compromiso do goberno autonómico co deporte paralímpico e co deporte para as persoas con discapacidade. “En Galicia, axentes deportivos e administración autonómica traballamos por un deporte inclusivo, por un deporte que sexa ferramenta coa que cohesionar o país e coa que mellorar o benestar da poboación”, afirmou o Secretario Xeral.

Tamén lembrou que na nosa Comunidade Autónoma, as becas aos deportistas de alto nivel son iguais para todos, olímpicos ou paralímpicos, sen distingos, e cómo a práctica deportiva integrada é a aposta das federacións deportivas á vez que exista unha Federación galega de deporte adaptado.

No acto tamén interviñeron o director de Comunicación do Comité Paralímpico Español, Luis Leardy, o representante da empresa Gadis, Agustín Rodríguez -no nome dos patrocinadores do Plan ADOP-, e os deportistas galegos preseleccionados o nadador Sebastián Rodríguez, o tirador Juan Antonio Saavedra e a triatleta Susana Rodríguez.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia