Skip to main content

A Xunta fixa para o 23 de xuño o inicio dos exames das oposicións, nas que se ofrecen 1.112 prazas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de fixar para o 23 de xuño o inicio dos exames das oposicións, cuxa convocatoria para este ano ascende a 1.112 prazas, o 100% da taxa de reposición. A fixación das datas posteriores será determinada por cada un dos tribunais e, dado que o 24 é festivo e o 25 previsiblemente se instalarán os colexios electorais, os tribunais poderían determinar o día 27 como seguinte data para a continuación das probas.

Con esta oferta –coa que se cobren 12 prazas no corpo de inspectores de educación, 478 no corpo de profesores de ensino secundario, 122 no de profesores técnicos de formación profesional e 500 no de mestres– búscase manter o de Galicia como o nivel máis baixo de interinidade no persoal docente de todo o Estado español. A data deuse a coñecer hoxe na Mesa Sectorial de Educación.

Calendario escolar 2016/2017

Na mesma Mesa Sectorial tamén se debateu e aprobou, entre outros asuntos, o calendario escolar para o vindeiro curso. Neste sentido, en educación infantil, primaria e educación especial, as clases comezarán o 12 de setembro de 2016 e rematarán o 23 de xuño de 2017, ambos inclusive. Para educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional fíxase o inicio de curso tres días despois (o 15 de setembro).

En canto aos períodos de vacacións, o Nadal establécese desde o día 22 de decembro de 2016 ata o 6 de xaneiro de 2017, ambos inclusive. Pola súa banda, as vacacións de entroido serán o 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo do ano que vén; mentres que as de Semana Santa fíxanse desde o día 10 ata o 17 de abril, ambos inclusive.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia