Skip to main content

En Marea esixe unha Lei que defenda aos denunciantes de corrupción

En Marea esixirá a elaboración dunha Lei na que se defenda a aquelas persoas que presenten denuncias ante posibles casos de corrupción. Con esta demanda que parte da Plataforma X La Honestidad, os deputados e deputadas de En Marea esixirán no Congreso dos Deputados unha lei integral para a protección do denunciante de corrupción na seguinte lexislatura.

Os catro piares básicos desta lei serían: a protección do posto de traballo do denunciante, os servizos xurídicos asegurados, a prestación de asistencia psicolóxica e médica, e a preservación do anonimato do denunciante. Así mesmo, En Marea apoia a creación dun observatorio contra a corrupción como propón a plataforma, un ente que terá que ser independente do poder político.

Os deputados e deputadas de En Marea comprométense en impulsar na seguinte lexislatura a renovación da Comisión de Loita contra a corrupción, á que se convidará aos membros da Plataforma xa que a lexislación da protección ao denunciante de corrupción é un punto clave na loita contra esta lacra que seguimos a padecer en todo o Estado.

A candidata de En Marea, Yolanda Díaz, reuniuse cos representantes da Plataforma X la Honestidad para escoitar e recoller esta demanda. “Resulta fundamental e lóxico que o Congreso dos Deputados saque adiante unha lei que defenda e protexa aos denunciantes se queremos loitar de xeito real contra os vergoñentos casos de corrupción que diariamente enchen os medios de comunicación” destacou Yolanda Díaz.

Tras as reunións mantidas con cada partido, a Plataforma X la Honestidad fará públicos os compromisos adquiridos con cada un deles a través da web da organización e antes do arranque da campaña electoral, como servizo á cidadanía.

En Marea salienta a necesidade de unir forzas tanto políticas como sociais na loita contra a corrupción para o que a opinión e propostas das distintas organizacións especializadas nesta loita teñen moito que dicir.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de En Marea.
Gabinete de Comunicación de En Marea