Skip to main content

O Museo de Belas Artes da Coruña restaura o cadro de Murguía "Árbore de montaña"

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentaron a restauración do cadro de Ovidio Murguía ‘Árbore de montaña’, realizada polo Museo de Belas da Coruña. O cadro –probablemente o de maior tamaño pintado polo autor– foi adquirido pola Fundación Rosalía de Castro en 2014 á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo e restaurado polo museo durante os últimos meses.

Segundo recordou Anxo Lorenzo, a Consellería de Cultura vén apoiando un traballo permanente de conservación do patrimonio xestionado pola fundación, desde a restauración da propia casa e adecuación da súa musealización ata a colaboración en estudos de difusión etc. “De maneira que cando a Fundación Rosalía adquiriu este importante cadro de Ovidio Murguía expuxemos todo o noso apoio para a restauración da obra nos talleres do Museo de Belas Artes, da man dos nosos técnicos especialistas”, afirmou.

A encargada de levar a cabo o traballo foi Laura Carrera, que participou no acto, xunto coa directora do museo, Ángeles Penas. Durante a presentación, a técnica explicou o labor realizado, que incluíu a limpeza do reverso do cadro, a reposición de tres cuñas e o tensado; a limpeza químico-mecánica da superficie pictórica, o estucado puntual de lagoas, a reintegración cromática das faltas e das grandes áreas de craquelados prematuros en distintas zonas da obra, xunto co vernizado final.

Un labor indispensable

Dado o interese e responsabilidade da Consellería na preservación e conservación do patrimonio galego, o secretario xeral destacou “o traballo que se vén realizando desde o laboratorio de restauración do Museo de Belas Artes, que desenvolve un labor de supervisión e conservación permanente sobre as obras do museo e ás veces tamén sobre obras propiedade doutras institucións”.

Esta calidade do traballo de conservación, que implica tamén o coidado da iluminación e en xeral toda a conservación preventiva, “é fundamental para a preservación do noso patrimonio cultural e é adoito unha das tarefas invisibles do ámbito da cultura”, polo que destacou e agradeceu “a tarefa dos equipos técnicos que nos están a asegurar a transmisión do patrimonio cultural galego ás xeracións futuras”.

Nos últimos meses, abordáronse desde o laboratorio do Museo de Belas Artes da Coruña tarefas tan importantes como as vinculadas á preservación e restauración na exposición de Picasso, a intervención no cadro ‘As bágoas de san Pedro’ ou mesmo a revisión do estado de conservación dun total de 70 gravados de Goya que están na reserva do museo. Desinsectouse tamén o cadro ‘Castigo’, pertencente ao depósito do Museo do Prado.

Pintura de paisaxe realista do XIX

O cadro ‘Árbore de montaña’ foi realizado por Ovidio Murguía en 1899 –un ano antes da súa morte–, durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX. O autor dálle prioridade nesta composición ao primeiro plano, no que destaca a árbore e o motivo dos penedos. Á súa vez, a apertura do espazo dirixe a vista aos planos do fondo e serve de enlace coa cadea montañosa.

Ovidio Murguía no Museo de Belas Artes

A obra vén enriquecer e completar os fondos da Fundación Rosalía de Castro, que non dispuña de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía. Trátase probablemente do cadro de maior tamaño (190 x 130 cm) pintado polo autor, unha peza emparentada con dúas paisaxes da serra do Guadarrama que se conservan no Museo de Pontevedra e no Museo de Belas Artes da Coruña. Nos fondos deste centro museístico xestionado pola Xunta de Galicia tamén se conservan outras oito obras de Ovidio Murguía.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia