Skip to main content

O CGAI promove o cinema postpunk do Reino Unido e o 25º aniversario da EIS da Coruña

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia dous novos ciclos temáticos centrados na produción británica independente da era postpunk e no vixésimo quinto aniversario da posta en marcha na Coruña da Escola de Imaxe e Son (EIS).

Esta mesma tarde, ás 20.30 horas, dá comezo a retrospectiva ‘This is Now: Films and Video After Punk’, que se desenvolverá durante todos os martes de xuño para propoñer un total de sete programas a través dos que se dá conta do estoupido creativo que experimentou o cine e o vídeo no Reino Unido nos anos oitenta do pasado século. Revísase así un momento único no que o abaratamento das novas tecnoloxías fixo posible o despegue de voces alternativas e a imposición dunha nova estética.

Restauracións inéditas

Esta escolma producida pola distribuidora británica Lux reúne máis de corenta títulos que deixan constancia, así mesmo, da influencia que este período ten nos vídeos de Internet e no cinema de hoxe en día. Recóllense, entre estas fitas, unha vintena de películas en súper 8 e 16 mm restauradas polo British Film Institute (BFI) National Archive, moitas das cales saen á luz por vez primeira en máis de tres décadas.

O programa que se ofrecerá hoxe na sede do CGAI na Coruña leva por título ‘Performing the Self’. Trátase dunha serie de películas experimentais, que poderían cualificarse de visonarias, e vídeos luminosos que amosan como a cultura visual cambiou radicalmente a comezos dos oitenta. O ciclo continuará o día 14 coas sesións ‘Home Taping’ e ‘Just Images’; o día 21, con ‘Before and After Sciencie’ e ‘Trough a Glass, Darkly’; e o día 28, con ‘Video Killed the Radio Star’ e ‘Entering the Dream Space’.

Primeiras curtas da EIS

Esta semana, ademais, o Centro Galego de Artes da Imaxe conmemorará o 25º aniversario da posta en marcha da EIS de Someso a través de tres sesións que reúnen nove das primeiras curtametraxes realizadas por coñecidos profesionais galegos formados neste centro. Así, mañá mércores 8 proxectaranse ‘A repesca’, de Sandra Sánchez; ‘Mofa e Befa. Gran liquidación’, de Jorge Coira; e ‘Paranoia dixital’, de Ángel de la Cruz’; o xoves 9 será a quenda de ‘Coruña imposible’, de Paco Rañal; ‘Aínda máis difícil’, de Ángel de la Cruz; e ‘Televapor’, de Ricardo Llovo e Paco Carballés; e o venres 10 exhibiranse ‘Amor serrán’, de Luis Liste; ‘O matachín’, de Jorge Coira, e ‘Isolina do Caurel’, de Chema Gagino.

O acceso para estas tres sesións, que darán comezo ás 20.30 horas, é libre ata completar a capacidade da sala. Tamén é gratuíta a entrada para unha nova entrega da sección Off Galicia, que terá lugar o sábado 11, ás 18.00 horas, e na que o cineasta galego Alberte Pagán presentará tres traballos: ‘Faustino 1936’, ‘Walsed’ e ‘Frank’.

Intensa actividade

Continúa así o intenso traballo de difusión que o CGAI leva a cabo no número 10 da rúa Durán Loriga da Coruña, onde ten establecida a súa sede desde o inicio da súa actividade en 1991. Ademais, durante as últimas temporadas esta actividade estendeuse tamén a Vigo e Ourense a través das respectivas colaboracións cos cineclubs Lumière e Padre Feijoo.

Ao tempo, mantén o seu labor de conservación, preservación, restauración e catalogación de fondos propios, que seguen medrando coa localización e recuperación de novos materiais, tanto dentro como fóra de Galicia, susceptibles de cualificarse de interese para a cultura galega; así como a prestación de diferentes servizos de apoio ás produtoras galegas e o impulso de programas formativos como Cine en Curso.

Desde 2013, a filmoteca galega forma parte da estrutura da Consellería de Cultura e Educación como centro adscrito á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que nestes momentos está a desenvolver unha reorganización de persoal que, porén, non implicará unha diminución do número de traballadores do CGAI, nin afectará aos seus servizos, que continuará prestando con normalidade na súa sede da Coruña.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia