Skip to main content

Via Iacobitana que reúne o traballo de fotógrafos galegos convertidos en peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou a exposición itinerante “Via Iacobitana”, unha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago realizadas por fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.

A celebración da exposición enmárcase no convenio de colaboración asinado por Turismo de Galicia e Viaqua e estará tamén noutras cidades de Galicia como son Pontevedra, Ribadeo, Fene, Pontedeume, Valdoviño e Ourense para amosar o Camiño dende unha perspectiva artística contemporánea.

A través destas imaxes, contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.

A directora de Turismo de Galicia explicou que todo este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.

A capital galega acolle esta mostra ata o 8 de xullo, no Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes. Pode visitarse de luns a venres, en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

A actividade se enmarca na celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.

Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos e conferencias, ademais de programas culturais e concertos.

Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.

Datos récord no número de peregrinos

A cifra de peregrinos que chegan a Compostela é cada vez maior, contabilizándose no que vai de ano máis de 81.000, un 7% máis que no mesmo período do ano pasado.

No ano 2015 xa se batera un máximo histórico nun ano non santo ao contabilizar 262.515 peregrinos, un 10,31% máis que os que chegaron en todo 2014.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia