Skip to main content

A Agadic reedita o seu apoio ao Festival Internacional de Cine de Ourense e á súa nova etapa baixo a dirección de Fran Gayo

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Ourense colaborarán na celebración do vindeiro Festival de Cine Internacional (OUFF), que desenvolverá a súa vixésimo primeira edición do 28 de outubro ao 5 de novembro e iniciará unha nova etapa con Fran Gayo como director artístico.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron hoxe na cidade das Burgas o convenio polo que establecerán accións conxuntas que afonden na promoción e potenciación do sector audiovisual galego no marco do OUFF. Deste xeito, iniciativas organizadas pola Agadic no anterior OUFF, como foron o I Encontro de Coprodución Portugal Galicia ou a presentación en primicia do catálogo de promoción internacional ‘Films from Galicia’, poderán ter continuidade.

En virtude do acordo, a Agadic comprométese a cofinanciar o evento, actualmente en prazo aberto de recepción de películas, e que para a súa próxima entrega incorporará nova estrutura e contidos a través dun programa conformado por dúas seccións competitivas, desta volta centradas no cine iberoamericano e nas óperas primas.

Cine galego recente

Tamén haberá lugar para as retrospectivas de cineastas consagrados e para monográficos de novos directores, así como para unha programación paralela de sesións dedicadas a realizadores galegos e escolmas de filmes destacados no panorama do cine galego do último ano. Outras actividades buscarán tamén atraer o público de máis curta idade e o xuvenil, con iniciativas especificamente deseñadas para eles e mesmo xornadas escolares.

No acto de hoxe, no que se deu a coñecer a páxina web www.ouff.org e o cartel do 21º OUFF, participou tamén Fran Gayo (Xixón, 1970), quen conta cunha longa traxectoria profesional como programador de certames como o FicXixón, o Bafici de Bos Aires ou do Centro Niemeyer de Avilés, entre outras responsabilidades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia