Skip to main content

O Salón Teatro pecha a temporada 2015-2016 con teatro universitario

O Salón Teatro pecha o seu programa de exhibición 2015-2016 despois de ter ofrecido un total de 126 días de actividade pública. Dúas compañías da Universidade de Santiago de Compostela serán as encargadas de rematar a temporada no escenario compostelán do Centro Dramático Galego (CDG): GN Teatro, que representará mañá o espectáculo ‘Cabaret Salomé’, e a Aula de Teatro da USC, que regresará o mércores 22 á sede do Centro Dramático Galego con ‘Cinzas’.

A montaxe de GN Teatro é unha particular adaptación da coñecida obra de Oscar Wilde, asinada por Helena Salgueiro, mentres que Roberto Salgueiro é o director e autor da adaptación de ‘Cinzas’, proposta creada a partir de diversos textos de Rodrigo García. Ambas as representacións, programadas ás 21.00 horas, son de entrada libre ata completar a capacidade e previa retirada dos convites no despacho de billetes desde as 19.00 horas.

Representación escénicas, concertos e cine

Coa escena universitaria, que tamén foi protagonista na sede do CDG durante a celebración da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, chega á súa fin unha programación na que houbo cabida para moi diferentes manifestacións artísticas. Así, desde o pasado mes de setembro o Salón Teatro acolleu un total de 12 concertos e 74 representacións escénicas, así como 102 sesións cinematográficas do festival Cineuropa e da Mostra de Cinema Etnográfico.

Ademais de ser a sede de diferentes ciclos, mostras e festivais, como é o caso do mercado Galicia Escena PRO organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Salón Teatro recibiu tamén unha importante representación de compañías galegas para exhibir en Santiago os seus últimos traballos. Foi o caso, entre outras, de Talía Teatro, Voadora, La Yogurtera, La Macana, Lucecús Teatro, A Panadaría, Matrioshka Teatro, Traspediante, Bocaberta, Pistacatreo e Triatreros. Así mesmo, presentáronse neste escenario ‘Un mundo persistente’, produción do Proxecto Nós coa participación do CDG e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia xunto con diferentes escolas e teatros públicos portugueses, e a coprodución ‘Atlántica’, de Ballet Norte e o Centro Coreográfico Galego.

O Salón Teatro erguerá de novo o pano o 23 de setembro para a estrea da próxima produción propia da compañía da Xunta de Galicia, ‘Tartufo’, baixo a dirección de Carles Alfaro. Nestes momentos, está en curso o proceso de selección dos 10 actores e actrices que integrarán o elenco do espectáculo cara ao inicio dos ensaios a primeiros de agosto neste mesmo espazo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia