Skip to main content

A Xunta anuncia que aboará de oficio aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou no Parlamento o proxecto de lei polo que a Xunta aboará de oficio aos empregados públicos a parte devindicada da paga extra do primeiro semestre de 2013. Con esta lei, a Administración galega devolverá este ano a cada traballador uns 180 euros de media, cun custo aproximado para a Xunta duns 25 millóns de euros.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que o proxecto de lei é froito do acordo asinado a principios de mes entre a Consellería de Facenda e os sindicatos CSIF, UGT e CC.OO. Ademais, nese acordo a Xunta comprometeuse a recuperar a partir de xaneiro de 2017 –un ano antes do inicialmente previsto- o pago do 100% das pagas extras.

“Os empregados galegos que axudaron tanto a soportar a crise económica, recuperarán a partir do vindeiro 1 de xaneiro as pagas extras que tiñan antes da crise”, sinalou o titular de Facenda, quen destacou que deste xeito quedan cancelados os axustes retributivos xerais aos empregados públicos que realizou o Goberno galego para blindar os servizos públicos.

Segundo explicou Valeriano Martínez, o proxecto de Lei establece que a Administración galega aboará neste 2016 o complemento específico devindicado da primeira paga extra do ano 2013, que corresponde cos meses de xaneiro e febreiro dese ano.

A devolución beneficiará ao conxunto de empregados públicos autonómicos, tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral, ao persoal estatutario da sanidade, ao persoal docente e non docente do ensino, ao persoal da Administración de Xustiza, e ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico. Tamén se estende ao persoal das universidades públicas e ao persoal do ensino concertado.

A Xunta efectuará esta devolución de oficio, evitando que os traballadores teñan que presentar recurso. Ademais, os empregados públicos tampouco terán que facer unha declaración complementaria do IRPF do ano 2013 por percibir esta devolución.

Recuperación salarial e melloras do emprego público

Valeriano Martínez indicou que o Executivo galego xa blindou por lei a recuperación salarial dos empregados públicos, consciente do esforzo que realizaron durante a crise. Neste sentido, a Xunta aprobou a devolución da paga extra aprazada polo Goberno central en 2012, e que se completará o vindeiro mes de setembro. O 50% desta paga extra devolveuse no ano 2015 e o resto estase devolvendo, segundo o previsto, neste ano. Outro 25% foi devolto na nómina do mes de abril e o restante 25% devolverase na de setembro.

O Goberno galego tamén acometeu diversas melloras no desempeño do traballo por parte dos empregados públicos, como son o incremento das prazas de promoción interna na OPE 2016, a máis numerosa dos últimos sete anos; a xubilación parcial do persoal laboral que se traduce nun novo traballador ocupado; ou a reposición dos días libres de vacacións e de libre disposición.

Ademais, a Xunta tamén convocou as primeiras oposicións para persoas con discapacidade intelectual e aprobou novas medidas para reforzar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregado públicos

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia