Skip to main content

O XIII CEMAC, coas actrices, directoras, guionistas e produtoras galegas

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar co Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que desenvolverá a súa décimo terceira edición do 5 ao 8 de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá baixo o título ‘Audiovisual galego en feminino: singularidade e diversidade’.

Durante estes catro días, Celanova será o epicentro do encontro profesional do sector, a través da programación de relatorios de nomes destacados, foros de debate, concertos e tres masterclass sobre a cámara fotográfica, dirección de arte, guión e montaxe, así como unha nova entrega do taller ‘Celanova, plató de ficción’, do que resultará unha miniserie web realizada polo alumnado e que nesta ocasión terá un formato da comedia.

O curso deste ano dedicaralle un especial protagonismo á participación das mulleres nos distintos ámbitos do audiovisual, partindo da súa incorporación gradual nos anos oitenta, e co obxectivo de dotar de visibilidade ao traballo actual e ao das últimas tres décadas que actrices, directoras, guionistas, produtoras e outras profesionais veñen realizando en Galicia.

A Fundación Carlos Casares encárgase da organización do encontro que, configurado como un curso de verán de extensión universitaria para un máximo de 70 alumnos, conta co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Celanova e a Universidade de Vigo, ademais de coa colaboración da Agadic e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

O seu programa completo, que reunirá na vila ourensá máis de 20 mulleres do audiovisual galego, foi presentado esta mañá no transcurso dun acto no que interviñeron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández, e o director do taller ‘Celanova, plató de ficción’, Paulino Pérez Feijoo.

Na súa intervención, o director da Agadic, situou a colaboración co CeMAC no marco formativo que se mantén ao longo do ano cara ao sector audiovisual, no que figuran outras iniciativas como Augal, Galicia ProFilme ou mesmo a programación escolar que se realiza desde o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

No caso concreto do CeMAC 2016, Jacobo Sutil destacou o obxectivo duplo, formativo e divulgativo, que persegue este curso, e referiuse ademais á escolla do tema central deste ano como “particularmente grato por canto incide no que está a ser unha feliz realidade no país: a gradual e efectiva incorporación da muller ao sector, máis alá do traballo específico de interpretación”.

“Esa incorporación –engadiu– exprésase non só na súa progresiva implantación en postos de responsabilidade nas empresas produtoras, senón tamén como autoras e mais nos cadros técnicos das diferentes producións e formatos, tal e como se reflicte no propio programa do CeMAC para esta edición”. “Igualmente, podo constatar que ano a ano son máis as mulleres que lideran proxectos a presentar ás diferentes modalidades de axudas á creación e máis a produción, instituídas nas diferentes convocatorias promovidas por Agadic”, dixo.

Entre as profesionais que participarán activamente no 13º CeMAC están Eva Calvar, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Sonia Méndez, Andrea Zapata-Girau, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Diana Toucedo, Carla Andrade, Lara Bacelo, Beli Martínez, Chelo Loureiro, Zaza Ceballos, Mónica Caamaño, Luisa Romeo, Raquel Espada, Mariana Carballal, Puri Seixido, Diana López ou Araceli Gonda, entre outras.

Tamén haberá lugar para a proxección de filmes coa participación das súas directoras e/ou produtoras. Serán as obras ‘Quinta provincia’, de Lucía Estévez; ‘Querida Gina’, de Susana Sotelo; e ‘Un ajuste de cuentas’, de Manane Rodríguez. As master class do curso correrán nesta ocasión a cargo do realizador e director de fotografía David Hernández, da directora artística Marta Villar, da guionista Puri Seixido e da montadora Sandra Sánchez. Por último, pechará o curso unha intervención de Virginia Yagüe, presidenta da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales de España. Ademais, como peche de cada xornada, a praza de Celanova acollerá os concertos de Australia e Beethoven Rollers.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia