Skip to main content

O Consello Galego de Relacións Laborais incrementou nun 30% a mediación en conflictos extraxudiciais no 2004

O presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, participou na clausura da XV edición do Curso Superior de Relacións Laborais, coorganizado polo organismo autonómico e a Universidade de Santiago. O máximo responsable do Consello salientou que o acordo extraxudicial de conflictos colectivos (AGA) afectou o pasado ano a máis de 15.000 empresas e a uns 40.000 traballadores, cun incremento de mediacións do 30% respecto ao 2003.

Durante a súa intervención, Demetrio Fernández fixo un chamamento a empresarios e sindicatos para que o Consello poida participar tamén na xestión extraxudicial dos conflictos individuais no traballo.

O presidente do Consello Galego de Relacións Laborais salientou ademais a importancia da negociación colectiva no contexto económico actual, marcado por unha globalización que somete ás empresas a unha presión indeseable, derivada en moitos casos de países con marcos de relacións laborais menos desenvolvidos e peores sistemas de protección social.

XV EDICIÓN

O XV Curso Superior de Relacións Laborais contou coa participación de 50 alumnos. O seminario sumou duascentas horas lectivas, nas que se trataron asuntos de actualidade coma o acoso laboral, a sinistralidade, a flexibilidade e estabilidade do emprego, as folgas e a xestión de recursos humanos. Ademais, os alumnos tomaron parte en obradoiros prácticos sobre negociación colectiva. Nas tarefas docentes participaron destacados integrantes do mundo universitario, a maxistratura, a avogacía ou a empresa, entre outros campos.

A presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas Bahamonde, foi a encargada de pronunciar o relatorio de peche, que xirou en torno ao 25 aniversario do Estatuto dos Traballadores. Na clausura do curso participaron tamén o rector da USC, Senén Barro, representantes dos sindicatos CC.OO, UGT e CIG e da Confederación de Empresarios de Galicia
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais de la Xunta