Skip to main content

A Xunta destaca que o selo de Galicia Calidade co que conta o Grupo Sada para o seu polo Cuk xera confianza nos consumidores

A directora xeral de Comercio e presidenta de Galicia Calidade, Sol Vázquez Abeal, visitou as instalacións que a produción do polo Cuk do Grupo Sada ten no municipio lucense de Castro de Rei, un produto que conta coa certificación de calidade desde o ano 2014 e que se comercializa para toda España.

Durante a visita, que estivo acompañada pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, a directora xeral de Comercio destacou que as principais empresas avícolas con plantas de produción en Galicia, como é o caso do Grupo Sada, contan co selo de garantía Galicia Calidade, o que proba o “prestixio” que representa para as empresas e a “confianza que xera nos consumidores”.

Sol Vázquez destacou o esforzo do Grupo Sada, que pertence ao holding Nutreco, para producir os polos Cuk con “criterios de calidade e alimentación a base de vexetais, con garantías de seguridade alimentaria e con información para os consumidores de todo o proceso de produción”. Ademais da certificación de Galicia Calidade, conta tamén co selo SGS, de recoñecemento internacional.

A directora xeral de Comercio sinalou que, ademais do Grupo Sada, tamén están certificadas por Galicia Calidade as principais empresas do sector avícola de Galicia, entre as que figuran o grupo Coren, Avícola de Galicia, Pazo de Vilane, Avícola Tratante ou Granxa Campomayor. Na actualidade, 81 empresas teñen autorización para usar o selo Galicia Calidade nos seus produtos, despois de superar os controis de certificación. En conxunto, a súa facturación global representa o 4,5% do PIB da economía galega e 5.000 empregos directos. O sector da alimentación significa o 72,9% do total.

Líder no sector alimentario

O Grupo Sada produce os polos que se comercializan coa marca Cuk nas instalacións que posúe no municipio de Castro de Rei (Lugo). Os polos conta cun período de crianza mínimo de 56 días, con baixa densidade nas granxas e cunha alimentación vexetal do 65%, do que o 50% é millo, o que outorga unha cor amarela á súa carne.

O Grupo Sada, que factura máis de 144 millóns de euros e xera 337 empregos, pertence á compañía Nutreco Ibérica, filial en España e Portugal de Nutreco, un holding que ten máis de 11.000 empregados en 35 países. O Grupo Sada ten 9 plantas de procesamento en España, que producen 2,6 millóns de polos á semana.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia