Skip to main content

Arrancan os Atardeceres con McEnroe, Novedades Carminha e Alondra Bentley

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos e cine ao aire libre da Cidade da Cultura, volve o xoves, 7 de xullo, a poñerlle banda sonora ás tardiñas do verán. Por sexto ano consecutivo, a praza central do Gaiás convértese no mellor escenario no que gozar do solpor ao ritmo das bandas máis destacadas do momento. McEnroe, Novedades Carminha e Alondra Bentley serán os encargados de abrir unha carteleira, que este ano inclúe proxeccións audiovisuais como novidade.

‘Atardecer no Gaiás’ arranca por todo o alto cunha das mellores bandas de música independiente do país: McEnroe, que chega ao Gaiás co seu quinto disco baixo o brazo, ‘Rugen las flores’, once cancións de vendaval emocional, momentos de luz, electricidade, melancolía e soidade.

Tras a sesión inaugural, ‘Atardecer no Gaiás’ recibirá o venres, 8 de xullo, a Novedades Carminha no seu escenario. A irreverencia como sinal de identidade e cancións pegadizas, acedas e gamberras como fórmula para ser, como reza o seu último disco, Campeones del mundo. Así son Novedades Carminha, que chega á Cidade da Cultura para dalo todo e, como non, para facervos bailar.

Á actuación de Novedades Carminha seguirá unha festa na Cantina do Gaiás, cunha sesión DJ a cargo de Rafa Morcego, con máis rock and roll para continuar a noite.

O cartel desta semana péchase con coa voz case divina de Alondra Bentley, esta cantautora que escribe cancións que trascenden xéneros e nacionalidades. O seu solpor estará cheo de letras delicadas e deliciosas do seu último disco Rosolutions, con son máis pop do que nos ten acostumados.
De balde na praza central

‘Atardecer no Gaiás’ terá lugar os xoves, venres e sábados de xullo e agosto a partir das 21:00 horas e con entrada de balde. Pola praza central pasarán bandas como Mucho, The Soul Jacket, a Orquestra de Cámara Galega, Os Amigos dos Músicos ou Marc Jonson. E como novidade, ‘Atardecer no Gaiás’ incorpora catro sesións de cine ao aire libre, nas que se proxectarán filmes de temática musical, precedidas dunha sesión DJ.

Así, a carteleira estará formada por Taking Woodstock, dirixida por Ang Lee; The Commitments, de Alan Parker; Sigur Rós-Heima e un último filme homenaxe a David Bowie.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia