Skip to main content

A festa africana chega á capital de Galicia co coro Saint Luc de Banabakintú

Aproveitando a participación do grupo na VIII Festa Africana, a oenegué Égueire está a programar concertos da coral en diferentes concellos galegos, para difundir a actividade desta asociación, para dar a coñecer a realidade cultural e social de Costa de Marfil e tamén para recadar fondos a prol do desenvolvemento dos seus proxectos.

A VIII Festa Africana chega a Santiago de Compostela coa actuación que o coro Saint Luc de Banabakintú ofrece o martes 12 de xullo, ás 21:00 horas, no Salón Teatro. Promovida pola Asociación de Cooperación Exterior Égueire, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través do Salón Teatro, o espectáculo do grupo marfilés enmárcase nunha festa que ten como obxectivo principal o intercambio cultural e a creación de puntos de encontro que favorezan a unión e a colaboración entre os pobos. Deste xeito, a iniciativa favorece o desenvolvemento de proxectos en Costa de Marfil para axudar a mellorar as condicións do pobo deste país, do que procede a coral Saint Luc de Banabakintú.

Esta coral de Abidjan, creada en 1974, canta habitualmente nunha parroquia dun barrio popular da capital marfilesa, Adjamé, onde viven unhas 220 familias, e nos últimos anos recibiu numerosos recoñecementos no seu país de orixe.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia