Skip to main content

Incorpórase a igualdade de xénero como materia autonómica no curso 2016-17

A Xunta de Galicia incorporará a “Igualdade de Xénero” como materia de Libre Configuración Autonómica o vindeiro curso 2016-2017, unha ferramenta educativa máis coa que se busca concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; e mailo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; presentaron esta oferta educativa, nun acto no que estiveron acompañados da secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Galicia convértese así na segunda comunidade autónoma en incluír no currículo educativo unha materia sobre igualdade de xénero.

A materia, que poderán cursar alumnos de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) dos centros que a soliciten, terá unha carga horaria dun período lectivo semanal. O seu contido foi elaborado por técnicos docentes da Consellería de Educación en colaboración con especialistas da Secretaría Xeral da Igualdade. A materia está estruturada en catro bloques nos que se abordan os conceptos principais sobre xénero e igualdade, as relacións de convivencia e afectividade, a historia da discriminación das mulleres en todos os ámbitos e a violencia machista como consecuencia da discriminación, entre outros.

Acadar a igualdade real

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a relevancia de seguir a dar pasos cada día a prol da igualdade real de homes e mulleres, un obxectivo no que están involucrados todos os departamentos da Xunta de Galicia. O vicepresidente mostrou o seu convencemento de que a educación constitúe un instrumento fundamental para mudar esta situación de desigualdade e coa formación dos máis novos en igualdade é posible que os adultos do futuro, os protagonistas da Galicia de mañá, estean plenamente comprometidos con esta causa e eduquen aos seus fillos en igualdade.

A escola xoga un papel esencial e dende o Goberno galego continúase a traballar nesta vía, comezando coa elaboración do I Plan Galego de Educación en Igualdade que xa están realizando a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Rueda mencionou os avances logrados nos últimos anos en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero, como a entrada da Policía Autonómica nos labores de protección das vítimas, a rede de casas de acollida, as axudas económicas ás vítimas, para que poidan emanciparse dos seus agresores e a oferta de todo tipo de atención psicolóxica, formación, asesoramento legal, entre outros.

Labor de concienciación

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, coincidiu en sinalar que esta materia de nova incorporación ten un obxectivo claro de concienciar aos rapaces na importancia de avanzar no ámbito da igualdade, fomentar o seu espírito crítico ante situacións de desigualdade, que dispoñan de ferramentas para evitar e prever ese tipo de situacións, e aceptar que a diversidade contribúe a enriquecer as nosas relacións sociais e persoais.

Segundo Román Rodríguez, esta materia específica que agora se pon en marcha é un paso máis nesta liña, e que vén de reforza o tratamento transversal que xa se lle está dando á igualdade en todas as etapas educativas, e así figura nos currículos de Primaria, ESO e Bacharelato.

Novas materias de libre configuración autonómica

Ademais da materia de Igualdade de Xénero, a Consellería de Cultura e Educación creou para o vindeiro curso 2016/2017 outras dúas novas materias de libre configuración autonómica, que son Obradoiro de Música (en 1º de ESO e cunha carga horaria dun período lectivo semanal) e Electrotecnia (para 2º de Bacharelato e cunha carga horaria de dous períodos lectivos), materias que pon a disposición dos centros educativos co fin de axudalos a completar o seu horario lectivo e dotalos así dunha maior autonomía.

A Consellería amplía así a relación das materias de libre configuración autonómica postas en marcha o curso pasado ao abeiro da Lomce. En concreto, no curso 2015/2016 matriculáronse máis de 12.000 alumnos e alumnas nun total de dez novas materias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia