Skip to main content

O BNG reivindica unha lei galega de memoria histórica para homenaxear a unhas 4.000 vítimas da represión

Nun acto de lembranza organizado polo Bloque ante a sede do Teatro Rosalía da Coruña, polo seu simbolismo como lugar en defensa da legalidade tras o golpe fascista do 18 de xullo, Pontón reivindicou “o dereito a verdade e a reparación para que nunca máis vexamos ao fascismo, porque hoxe esa pantasma tamén percorre Europa baixo novas facianas”, advertiu.
Ana Pontón, Avia Veira, Begoña Gómez e Anxela Franco no acto en lembraza das vitimas do franquismo

Pontón comprometeu que BNG vai seguir traballando “para que en Galiza teñamos unha Lei galega de recuperación da memoria histórica, unha lei que se poña do lado das vítimas e da verdade, que garanta o acceso a todos os arquivos, axudas para as asociacións da memoria histórica, que apoie a investigación dos crimes do franquismo e a localización das fosas comúns”.

En definitiva, subliñou a dirixente nacionalista, “acadar unha Lei galega da memoria histórica que acabe coa lousa que nos impuxo o señor Feijóo, responsable do paso atrás destes sete anos na recuperación da nosa memoria, pechando todas as axudas, todas as portas. Cos seus feitos púxose do lado dos que cometeron os crimes da ditadura, do lado dos que non queren que coñezamos a verdade”.

O Bloque louvou o traballo da sociedade civil que con moi pouco recursos mantén erguida a bandeira da dignidade das vítimas e do non esquecemento, ao que o BNG quere contribuír. Neste sentido, lembrou que foi Francisco Jorquera o primeiro en reclamar no Congreso cambios para que a Lei de amnistía non se convertese “na base da impunidade” á hora de investigar os crimes do Franquismo.

Pontón denunciou o feito “vergoñento” dun Estado español que persiste “en cubrir a verdade co silencio” que se plasma en xuízos sen revisar, na desmemoria e no medo a participar en liberdade que “aínda existe”. A dirixente do Bloque fixo fincapé na “feroz represión” que o fascismo aplicou en Galiza, moi máis forte que noutras partes do Estado, con máis de 4.000 persoas desaparecidas, ao que se suman os milleiros que marcharon ao exilio.

Cunha nutrida participación, o acto arrancou coa presentación da portavoz municipal, Avia Veira, que salientou o papel de miles de veciños e veciñas anónimos da Coruña “para facer valer a liberdade e a democracia”. A historiadora Begoña Gómez Amigo fixo un relato dos feitos nos primeiros días do levantamento que, parafraseando a Celso Emilio, deu paso “a unha longa noite de pedra”. Ánxela Franco, deputada provincial, denunciou o “xenocidio” do pobo galego, e reivindicou “o dereito a coñecer a nosa propia historia”.
Gabinete de Comunicación do BNG