Skip to main content

O Padroado da Fundación Galicia–América nomeou a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe Membro de Honra

Na xuntanza na que se tomou a decisión participaron tamén o vicepresidente da Fundación, Manuel Peleteiro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e Alicia García de la Fuente e José María Vila Alén, ambos os dous vogais designados polo Centro Galicia de Buenos Aires.

Segundo a acta da reunión a entidade considera “decisoria para materializar a idea de creación da Fundación” a especial relación de Vázquez Portomeñe coa colectividade galega e máis concretamente a fundación do Colexio Santiago Apóstol, un centro que naceu para formar as novas xeracións de galegos en Arxentina, para que se mantivesen os seus vínculos con Galicia, e ser foco difusor da cultura galega. Así mesmo saliéntase a súa figura como intelectual de referencia para os galegos de América “e nomeadamente para os de Bos Aires, onde habitualmente asiste a citas de carácter socio – cultural e imparte charlas e conferencias que teñen que ver co feito migratorio e a proxección exterior de Galicia a través das súas comunidades do exterior”.

Vertebrar a comunidade galega

A Fundación Galicia-América foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de xullo de 1996; e declarada de interese cultural por orde do 9 de outubro do mesmo ano. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é entre outros promover especialmente todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten o achegamento da realidade galega a tódolos países americanos onde se atope vertebrada a comunidade galega.

Ao seu abeiro fundouse o Colexio “Santiago Apóstolo”, que naceu da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires –a través da Fundación Galicia América– co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural no país que alberga a maior colonia de galegos na diáspora. O “Santiago Apóstolo” viña a facer realidade o vello desexo da colectividade de Galicia na Arxentina de contar cun colexio galego, un proxecto que comezou a súa andaina froito do traballo conxunto da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires –fundado en 1979– nos anos 80 do século XX.

O centro abriu as súas portas en 1998 e nestes 15 anos de historia foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis inicial, primario e secundario. Desde 2003 o colexio conta cun departamento de Lingua e Literatura Galega que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e riscos da identidade e da cultura do noso país no centro, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado.
Fundación Galicia-América