Skip to main content

A Deputación de Lugo inicia o proceso para integrar a Fundación TIC no organismo provincial

Álvaro Santos afirmou que “esta decisión do equipo de Goberno é froito da política de transparencia iniciada pola Deputación coa disolución do Inludes e da Fundación Tor”. O Vicepresidente asegurou que “nós apostamos por uns servizos públicos xestionados directamente pola administración, e a integración da TIC incardínase perfectamente neste obxectivo”.

Segundo Santos, “trala decisión política, agora é o momento de solicitar os pertinentes informes xurídicos e laborais para establecer os pasos que se debemos seguir para integrar a TIC, unha entidade sen ánimo de lucro que está financiada na súa totalidade con fondos provinciais”.

Menos gasto corrente e sen duplicidades

Pola súa banda, Miguel Ángel Sotuela dixo que “coa integración da TIC na Deputación eliminaranse duplicidades administrativas, optimizaranse recursos e reducirase o gasto corrente”. Ademais, o responsable de Goberno Interior avanzou que “se manterá a finalidade da entidade, coa promoción do uso das novas tecnoloxías na nosa provincia, a cooperación cos Concellos e o apoio ao tecido asociativo”.
Deputación Provincial de Lugo