Skip to main content

O Concello da Coruña e Inditex asinan o convenio trianual Coruña Emprega, destinado á inserción sociolaboral de colectivos vulnerables

O proxecto terá unha duración inicial de 36 meses e porá especial atención nas mulleres, ás que se destinan o 70% das 630 prazas totais. Outros colectivos aos que se dirixe o programa son o das persoas de menos de 30 anos –para o que se reservan 97 prazas, entre mozos e mozas–, maiores de 45 anos –con 147 prazas–, persoas paradas de longa duración –72 prazas– e persoas desempregadas para formar no sector servizos –60 prazas–, así como outras en situación de desfavorecemento, para as que se destinan 254 prazas.

“Neste Concello, as políticas de fomento de emprego de calidade son unha prioridade, e mais en tempos coma estes, nos que a procura de instrumentos que melloren a empregabilidade, que permitan a creación de epostos de traballo de calidade e de futuro, é unha obriga e unha responsabilidade de todos os gobernos”, manifestou o concelleiro desta área, Alberto Lema, quen apuntou tamén a importancia de prestar especial atención, a través de políticas inclusivas, a aqueles colectivos que, pola súa situación de especial vulnerabilidade ou desprotección, teñen máis dificultades para acceder a un posto de traballo que permita acadar a autonomía personal.

En virtude deste convenio, Inditex achegará un total de 846.000 euros –282.000 por ano–, o que permitirá a contratración dun equipo formado por sete profesionais, que traballará en exclusiva no desenvolvemento do programa. “Este acordo permitiranos facer o maior investimento en materia de emprego no Concello desde que se teñen datos. A nosa intención como Goberno local é reforzar todo o posible as políticas de insercións sociais”, incidiu a este respecto o responsable municipal de Emprego.

O plan terá como beneficiarias a un total de 630 persoas e contempla a creación dunha decena de itinerarios formativos de entre 80 e 480 horas, definidos en función dos resultados dos estudos sobre necesidades de innovación para a mellora da competitividade e a creación de emprego, e relativos ás oportunidades de emprego e desenvolvemento sustentable, que lle foron encargados á Universidade da Coruña, así como prospección laborais previas. Estes estudos permitiron detectar aqueles sectores con maior oportunidade de empregabilidade na Coruña, como son: as actividades sociosanitarias e para o coidado das persoas, o comercio (por xunto ou polo miúdo), o turismo e as áreas de lecer e hostalería e, por último, as actividades e servizos administrativos auxiliares. Deste xeito, os itinerarios integrados de inserción contemplan áreas que van desde a atención sociosanitaria a persoas no domicilio, a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, a atención especializada a persoas con discapacidade ou a atención especializada en demencias, así como a limpeza en edificios e locais e itinerarios dirixidos a operacións auxiliares no punto de venda, actividades auxiliares en almacén, elaboración culinaria básica, servizos básicos en restaurante-bar ou relativos ao arranxo de habitacións e zonas comúns en aloxamentos. Todos eles contarán con formación teórica e práctica e estarán específicamente dirixidos a colectivos vulnerables, con cotas de entre o 60% e o total das persoas beneficiarias, dependendo da modalidade.

Segundo pon de relevo o responsable municipal de Emprego e Economía Social, o deseño e a execución de accións innovadoras terá formato en rede, e farase a través da reactivación do Pacto Local polo Emprego, no que participan un total de 22 institucións e entidades, nas que se inclúen desde ONG e asociacións sociais ou sociosanitarias a centrais sindicais, ademais da Xunta, a Universidade da Coruña e a Cámara de Comercio, presentes xunto co Concello. A metodoloxía que se seguirá será a través de Itinerarios Personalizados de Inserción (IPI), “mediante a cal procurarase a cada unha das persoas unha formación individualizada, en función das súas necesidades específicas e das carencias detectadas”, destaca o concelleiro.
Concello da Coruña