Skip to main content

A Semana Santa comeza en Galicia con chuvias a partir da fin de semana

A Consellería de Medio Ambiente pon a disposición dos usuarios toda a información meteorolóxica específica para a Semana Santa, que pode consultarse nas páxinas web www.meteogalicia.es e www.siam-cma.org/meteoroloxia/. O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro quere facilitarlle así á cidadanía os datos precisos para poder coñecer do mellor xeito o tempo que vai facer no vindeiro período festivo.

Segundo as prediccións elaboradas por MeteoGalicia, a Semana Santa comeza en Galicia hoxe venres cunha situación aínda anticiclónica. Os ceos estarán despexados e as temperaturas terán valores máximos arredor dos 25ºC. Mañá sábado comezará a cambiar o tempo coa entrada das baixas presións polo litoral atlántico, o que provocará un aumento xeneralizado da nubosidade con posibilidade de chuvias no litoral das provincias da Coruña e de Pontevedra. As temperaturas máximas baixarán e o vento soprará do sur con intensidade moderada.

CHOIVAS

As chuvias xeneralizaranse a toda Galicia na xornada do domingo por mor da entrada dunha fronte fría, que provocará tamén un lixeiro descenso das temperaturas. Os ventos soprarán de compoñente sur con intensidade.

Ao longo de toda a vindeira semana irán entrando sucesivas frontes polo Atlántico, o que vai deixar ceos anubrados e alta probabilidade de precipitacións en toda Galicia. As chuvias serán más cuantiosas nas Rías Baixas, na metade sur da provincia da Coruña e nas zonas altas en xeral. Pola contra, na costa de Lugo haberá menos posibilidade de choivas. As prediccións indican que as temperaturas máximas e mínimas estarán en valores suaves, con mínimas entre 5-10ºC e máximas entre 15-20ºC. Os ventos serán de compoñente sur moderado, podendo acadar refachos fortes na franxa atlántica.

MeteoGalicia irá actualizando periodicamente todas as súas prediccións co fin de que toda a poboación poida coñecer a mellor información meteorolóxica de calquera punto de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia