Skip to main content

Espazos Sonoros pon en valor o patrimonio organístico do Camiño Francés

O Festival Espazos Sonoros regresa con dous días de música e actividades arredor do patrimonio cultural galego. O sábado 17 de setembro, a paisaxe organística do Camiño Francés de Santiago será a protagonista da rolda pola paisaxe que se desenvolverá entre os concellos do Cebreiro e Sarria, pasando por Samos, e na que as persoas inscritas previamente poderán descubrir os órganos do convento da Magdalena de Sarria, da abadía de Samos e da igrexa de Santa María a Real do Cebreiro.

Esta xornada dedicada ao patrimonio organístico rematará nesta igrexa de Santa María a Real, cun concerto aberto e gratuíto de órgano e conxunto vocal, a cargo do grupo Solo Voces –unha das formacións vocais máis consolidadas do panorama musical galego– acompañado polo organista Adrián Regueiro, que terá lugar ás 17:30 horas.

Para a ocasión preséntase un programa variado, co aliciente da estrea dun himno de vésperas, Beati omnes qui timent Dominum, que lle dá título ao programa, e un magníficat, extraídos de dous cantorais polifónicos da catedral de Lugo, transcritos e recuperados para a ocasión polo músico e investigador Andrés Díaz Pazos. Canda estas dúas estreas serán interpretadas outras pezas instrumentais para órgano solista, algunha outra do repertorio histórico dos arquivos das catedrais galegas e outras obras da polifonía renacentista ibérica.

Música para laúde renacentista en Vilar de Donas

A fin de semana de Espazos Sonoros completarase cunha xornada arredor da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, no concello lucense de Palas de Rei, que será o escenario do concerto que ofrecerá La Campagna ás 19:00 horas. Nun concerto tamén gratuíto e aberto ata completar a capacidade, o dúo formado por Rafael Muñoz e María Luz Martínez interpretará un programa centrado nos duetos italianos e ingleses para laúde renacentista.

Previamente, as persoas inscritas na actividade terán ocasión de coñecer a igrexa románica de Vilar de Donas, un importante expoñente do patrimonio vinculado ao Camiño Francés de Santiago e que destaca tanto pola súa arquitectura como polas pinturas murais.

Concertos e actividades para a descuberta do patrimonio

Desde o pasado 3 de setembro e ata o 18 de outubro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.

Concertos de balde e actividades con inscrición previa

A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros, pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia