Skip to main content

Firma e filme reúne a editores e produtores para levar ao cine obras literarias

Os representantes de 22 empresas galegas dos sectores audiovisual e editorial déronse cita na Cidade da Cultura para participar na fase de reunións da segunda edición do programa ‘Firma e filme’, na procura de novos proxectos de adaptación cinematográfica de obras literarias galegas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou para esa xornada un total de 54 xuntanzas bilaterais entre compañías con intereses comúns, nunha iniciativa na que tamén colaboran a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE).

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Agadic, Jacobo Sutil, recibiron os representantes das once produtoras (Algarabía Animación, Agallas Films, Píxel Films, Rodaxe Produtora TV, Vaca Films, Pulsa ControlZ, Portocabo, Nós Produtora Cinematográfica Galega, Astrágalo Studio, Esferobite e Comarea) e das outras once editoriais (Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Editorial Hugin e Munin, Vicens Vives, Editorial Toxosoutos, Editorial Tandaia, Ediciones Linteo, Técnicas & Gramaxe, Urco Editora, Hipotálamo e Nova Galicia Edicións) que participaron no encontro, aos que tamén se dirixiron Henrique Alvarellos, en representación da AGE, e Alfonso Blanco ‘Fosco’, en nome da Agapi.

Formalizar relacións

Nas súas intervencións, Anxo Lorenzo e Jacobo Sutil coincidiron en salientar que ‘Firma e filme’ formaliza un formato recoñecible e periódico de relación entre as industrias editorial e audiovisual, ao celebrar esta segunda edición despois do resultado satisfactorio da primeira, desenvolvida o pasado mes de decembro en Pontevedra no marco de Culturgal.

Nese sentido, o secretario xeral de Cultura abondou na idea de que a intención da Xunta de Galicia é facilitar o coñecemento entre os dous sectores para propiciar novos produtos para o cinema ou para a pequena pantalla, que poden ser asumidos por unha ou varias empresas, e non desbotou ampliar este modelo de traballo a outros ámbitos culturais.

‘Firma e filme 2016’ botou a andar o pasado mes de abril cunha convocatoria a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romático, suspense, suspense, terror, thriller, etc.

A continuación, un equipo de analistas de guión integrado por Daniel Domínguez, Eduardo Galán e Puri Seixido encargouse do estudo e informe dos textos para avaliar as súas posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva. A partir desta análise e tras a posta en común coas empresas audiovisuais inscritas daqueles títulos que mellor encaixan coa súa liña de traballo, a organización deseñou o programa de xuntanzas que hoxe se levou a cabo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia