Skip to main content

As lonxas galegas disporán dunha plataforma tecnolóxica única para poxas online

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinaron un acordo de colaboración para o financiamento de proxectos de modernización tecnolóxica en lonxas galegas. A través del as rulas que o soliciten poderán beneficiarse de melloras tecnolóxicas nas súas instalacións que permitirán unha xestión máis eficiente da actividade que desenvolven, sobre todo en materia de comercialización, trazabilidade e seguridade alimentaria e tamén en aspectos relacionados coa xestión económica.

Este acordo recolle accións concretas como a modernización da infraestrutura tecnolóxica das lonxas, melloras no sistema de capturas descargadas, a súa poxa e a emisión dos documentos precisos para a súa comercialización. Ademais, tamén contempla a posta en marcha de iniciativas que faciliten as xestións da actividade propia da lonxa, como pode ser actividade contable, entre outros aspectos.

A conselleira do Mar explicou que a Consellería comunicará ás lonxas a posibilidade de sumarse á renovación e serán as rulas as que decidan de xeito totalmente voluntario se a queren acometer. Sinalou ademais que o proxecto se iniciará en preto de media ducia de lonxas a través dunha fase piloto e irase estendendo ao resto das rulas. Con esta fase piloto, subliñou, mellorarase o proceso de instalación do sistema e terase en conta para os anos vindeiros.

Rosa Quintana engadiu ademais que estas accións de modernización permitirán mellorar a xestión das rulas en todo o que ten que ver coa comercialización, a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Tamén contribuirá a aumentar a eficiencia enerxética e a seguridade e condicións de traballo. Estes son aspectos fundamentais, explicou, tendo en conta que as lonxas son na actualidade os centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros.

Para levar a cabo estas actuacións nas rulas, a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros que se distribuirán nas anualidades 2016, 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

A directora de Amtega sinalou que esta actuación permitirá abordar a modernización das lonxas para facilitar o traballo diario que se desenvolve nelas a través de dúas liñas de actuación. Por unha banda, melloraranse tanto as infraestruturas como o equipamento tecnolóxico das lonxas e, por outra, porase á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará o sistema de pesada e de clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que ata agora se realizaba de xeito manual, o que redundará nunha axilización destes procedementos e posibilitará as poxas online, o que axudará a mellorar a comercialización. Mar Pereira enmarcou esta medida no Proxecto Primare, a estratexia para impulsar o desenvolvemento dos sectores primarios galegos a través das TIC.

O acordo estará vixente ata o momento no que finalice a execución dos contratos previstos, sendo o prazo máximo ata o 30 de novembro de 2019. Non obstante, antes da finalización deste prazo, as partes poderán formalizar unha addenda ao acordo na que se poderá fixar unha prórroga.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia