Skip to main content

O chef xaponés Hirohisa Koyama visita o Centro Superior de Hostalería de Galicia

O prestixioso chef xaponés Hirohisa Koyama visitou o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) onde iniciou unha serie de actividades relacionadas coa súa cociña e da que se poderán beneficiar alumnos e profesores do centro así como outros profesionais da gastronomía galega.

Ofreceu unha clase maxistral aos alumnos de Diploma en Gastronomía e Xestión en Cociña e pola tarde, foron os profesores do CSHG os que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a cociña deste prestixioso chef.

Durante a súa estadía en Galicia, Hirohisa Koyama protagonizará tamén o próximo luns 19 de setembro un encontro no Centro Superior de Hostalería de Galicia con catorce cociñeiros galegos, varios dos cales contan coa prezada Estrella Michelin.

Así, o chef xaponés reunirase cos cociñeiros galegos que máis e mellor están producindo na nosa comunidade técnicas e produtos da cociña xaponesa nas cartas dos seus respectivos restaurantes. Concretamente, no encontro estarán presentes Pepe Solla -Casa Solla-, Luis Veira -Árbore da Veira-, Bea Sotelo -A Estación-, Lucía Freitas -A Tafona-, Daniel López -O Camiño do Inglés-, Carlos Pérez –Hokuto- e Pablo Pizarro –Bocanegra-.

Estes cociñeiros galegos prepararán dúas das propostas máis características dos seus restaurantes e Koyama terá a oportunidade de desgustar e realizar as súas aportacións, tanto no relativo ao trato do produto como ao sabor final acadado no prato así como a súa presentación.

Así mesmo, no programa do próximo luns Hirohisa Koyama impartirá un relatorio-obradoiro de cociña no que participarán profesionais do sector e profesores e alumnos das escolas de hostalería de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia