Skip to main content

Daniel Asorey gaña o Premio de Narrativa Breve Repsol coa obra Nordeste

Así o anunciaron esta mañá na Coruña o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados por Luis Felipe Llamas, director da refinería coruñesa, e mais por Armando Requeixo, voceiro do xurado desta edición.

García Gómez reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co galardón, ao que se referiu como “un exemplo efectivo dunha iniciativa que naceu para darlle impulso á lingua e á cultura galegas desde a responsabilidade social empresarial” e que, en palabras do secretario xeral “hoxe por hoxe constitúe unha das citas anuais máis destacadas do sistema literario que se desenvolve no idioma propio de Galicia e desde o que os nosos autores e autoras contribúen á normalización lingüística do galego”.
‘Nordeste’, unha interconexión Galicia-Brasil

No seu ditame, o xurado destacou de “Nordeste” a habelencia para recrear dous mundos en interconexión como son o do épico sertão brasileiro e unha república galega imaxinaria, amais de pór de relevo o sobresaliente acabado estilístico das páxinas que conforman a peza, inzadas de poderosas imaxes e de fascinantes símbolos.

Trátase dunha obra de “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos e atractiva arquitectura do relato”, razóns polas que outorga por maioría o X Premio de Narrativa Breve Repsol a esta espléndida “Nordeste” nunha convocatoria que salientou tanto polo elevado número de orixinais a concurso (un total de 38 cos que se viu incrementada a participación con respecto ás edicións anteriores) coma pola notable calidade das obras presentadas.

O devandito xurado integrárono o investigador e crítico literario Armando Requeixo, a profesora e escritora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, o escritor e académico da lingua galega Euloxio R. Ruibal, o director editorial de Galaxia Carlos Lema e o escritor gañador da pasada edición, Marcos S. Calveiro.

Daniel Asorey Vidal

Daniel Asorey Vidal naceu en Santiago de Compostela no ano 1970, onde reside na actualidade, e é profesor de lingua galega e literatura no ensino secundario. Conta no seu haber con publicacións literarias anteriores, como “De soños e memorias” (coautor, publicada por Espiral Maior), “O álbum da derrota” (en “Madrigal. Revista de Estudos Galegos”) e varias narracións en distintos números da revista “Olysbos”. Participou en varios congresos sobre literatura, sociolingüística e lingua galega e é tamén autor de abondosos relatorios, artigos e reseñas sobre literatura galega e lingua, así como de materiais didácticos desta especialidade específicos do ensino secundario.

Fíxose co I Certame de Relato Curto Cidade Vella en 1988, cun dos galardóns da III edición do Premio Investigación Lingüística e Literaria 17 de maio en 1991, co 1º Premio de Narración Curta no I Certame Literario e de Investigación Terra de Melide en 2001 e gañou ex aequo o XI Certame de Narracións Manuel Murguía no ano 2002. Recibirá este X Premio de Narrativa Breve Repsol, dotado con 12.000 € e coa publicación da obra pola Editorial Galaxia, nun acto que se celebrará antes de final de ano na cidade herculina.

Premio de Narrativa Breve Repsol

O Premio de Narrativa Breve Repsol botou a andar no ano 2006 e na primeira edición gañou o xornalista Miguel Sande con “Se algún día esta muller morta” e o profesor da USC e xornalista Xavier Lama acadou un accésit con “O insomnio dos centauros”. Na segunda, en 2007, a gañadora foi Anxos Sumai coa obra “Así nacen as baleas”. Na terceira, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”.

Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra, pola peza “Os fíos”. A quinta, no ano 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”. Na edición 2013, o premio recaeu en Berta Dávila, por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; na de 2014, en Santiago Lopo pola peza “A diagonal dos tolos” e na de 2015 en Marcos S. Calveiro, por “Fontán”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia