Skip to main content

Os bolseiros do Centro Ramón Piñeiro contribuíron á edición de 120 obras entre os anos 1994 e 2004

O traballo realizado por un total de 300 bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades fixo posible, en gran medida, a edición por parte desta entidade de 120 obras no período 1994-2004. As publicacións veñen sendo en formato libro ou en CD-Rom e mesmo na combinación de ámbolos dous soportes.

Ademais de traballar na publicación destas obras -12 por ano- os bolseiros deste centro están a facelo en proxectos que só se realizan en soporte informático e que verán a luz unha vez rematados e listos para a súa difusión.

A dinámica de traballo do Centro Ramón Piñeiro, que prioriza os proxectos encadrados nas áreas de lingua e literatura galegas, sen desatender outras iniciativas pertencentes ao ámbito das Humanidades, requiren dun persoal altamente cualificado que constitúe o seu persoal base.

O labor realizado polos bolseiros permite materializar o proceso de investigación, ao tempo que colaboran na súa elaboración e adquiren experiencia nos problemas que se derivan do proceso da investigación. Este proceso esixe tempo, e as bolsas, renovables cada ano, abranguen, como máximo, unha duración de tres anos con carácter non renovable.

Pese a que tres anos é pouco tempo para a tarefa investigadora, o Centro Ramón Piñeiro tenta así ofrecer esta posibilidade ao maior número posible de bolseiros e facilitar o contacto co mundo investigador. Deste xeito, na década que leva de vida, desde 1994 ata 2004, ao redor de 300 bolseiros pasaron polo centro. Este total inclúe os que pertencen propiamente ao Ramón Piñeiro e os que proceden de universidades de fóra de Galicia onde existen cátedras de estudos galegos ou lectorados. Son aproximadamente 50 universidades, que se atopan en países coma Alemaña, Portugal, Brasil, Italia, Francia, etcétera.

BOLSEIROS TAMÉN DE FÓRA DE GALICIA

Estes bolseiros procedentes de fóra de Galicia acceden a esta condición previo informe do director de cátedra correspondente e a presentación dun proxecto de investigación que o propio Centro Ramón Piñeiro valora e examina. As estadías destes bolseiros van de 3 a 7 meses, e cada ano son seleccionadas ao redor de 12 persoas, que, ademais de traballar no propio centro, coñecen e practican a lingua galega durante a súa estadía en Galicia.

Os bolseiros pertencentes ao Centro Ramón Piñeiro acceden a esta condición mediante a convocatoria pública destas bolsas e tras un proceso de selección no que interveñen os xefes dos proxectos que se investigan no centro. Na actualidade, e tras un proceso de incremento, traballan 40 bolseiros pertencentes a este organismo. Unha licenciatura e os coñecementos en informática son necesarios na práctica totalidade das persoas que opten a estas bolsas.

Ademais, en decembro de 2004, a Consellería de Educación convocou 10 bolsas de colaboración para o desenvolvemento de proxectos de investigación no Ramón Piñeiro e outras 12 para estadías de persoal dos departamentos de estudos galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma e a súa participación en proxectos deste centro.

A condición de bolseiro representa unicamente unha situación eventual, un intre de perfeccionamento da preparación teórica e da práctica do traballo de investigación. O traballo que os bolseiros desenvolven no Ramón Piñeiro non é compatible con ningún outro remunerado. Cada ano, os directores de proxectos emiten informe sobre o cese ou continuidade dos seus bolseiros.

As áreas de traballo nas que investigan van desde a literatura, dicionarios literarios ata o refraneiro galego, fraseoloxía, lírica e prosa medieval, bibliografía de lingüística galega, narrativa e lírica recuperadas, edicións facsimilares, proxectos CORGA e TERMIGAL, etcétera.

Cada proxecto posúe un equipo de traballo integrado por bolseiros e un xefe de proxecto. Este último é un profesor universitario ou de ensino medio. O equipo utiliza fundamentalmente ordenadores como imprescindible ferramenta de traballo.

Neste sentido, o Centro Ramón Piñeiro dispón dunha moderna rede informática que está ao coidado de dous técnicos que interveñen na configuración das bases de datos e resolven os problemas que poden xurdir. Cada día son máis os proxectos que pasan á rede Internet para a súa consulta externa por parte de estudosos ou interesados en todo o mundo. Porén, o soporte libro segue a ser o máis habitual. Así, a maioría dos proxectos concrétanse en publicacións. A isto hai que engadir os proxectos de continuidade, en soporte informático, que pasaron de 5 en 1994 a 10 en 1998 e no presente ano 2005 suman xa 14.

PROXECTOS ACTUAIS

Na actualidade, o centro está a traballar en varias iniciativas. Así, baixo o epígrafe de Arquivo Galicia Medieval, os bolseiros investigan acerca da lírica profana galego-portuguesa, a prosa literaria galega medieval e a prosa documental.

No apartado de lingüística, os investigadores traballan en proxectos como a bibliografía informatizada da lingüística galega, o corpus de referencia do galego actual; o estudo terminolóxico científico-técnico; o etiquetador e lematizador do galego actual; o sintetizador texto-fala para o galego e a tradución automática español-galego, etcétera.

Os traballos que desenvolve no ámbito da literatura van desde a bibliografía da literatura galega, dicionarios de literatura, edicións facsimilares, informes de literatura e narrativa e poesía recuperadas.

O Centro Ramón Piñeiro traballa ademais no corpus documentale latinum gallaeciae; no dicionario de fraseoloxía galega e na monografía etnolingüística sobre o gando vacún en Galicia.

FORMACIÓN COMPLEMENTARIA

A participación nas publicacións enriquece o currículo de cada bolseiro, algo moi valorado para acceder a outro posto de traballo. Ademais do seu labor diario, os bolseiros participan en congresos ou simposios organizados dentro ou fóra de Galicia e tamén interveñen nas presentacións das publicacións do centro e asisten aos actos –xornadas, conferencias e cursiños- que este organiza. Cada ano o centro promove dúas ou tres convocatorias para os diferentes proxectos en marcha.

Ao longo deses anos, ilustres profesores do estranxeiro e autoridades tanto políticas como culturais teñen manifestado xuízos certamente encomiásticos sobre o centro, considerando que a súa actividade, modelo de funcionamento e resultados concretos son un acerto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Representa unha saída para o sector da xuventude universitaria con vocación de investigación e estudo.

CREACIÓN E OBXECTIVOS

O Centro Ramón Piñeiro foi creado por decreto en 1993 e está ideado para promover e desenvolver proxectos e programas galegos de estudos lin-güísticos, literarios, históricos e antropolóxicos e da súa difusión.

Entre as funcións deste centro están, entre outras, as de ofertar e desenvolver actividades, programas e proxectos de formación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica de Galicia; difundir os fondos documentais existentes ou referidos á Comunidade Autónoma galega; e conservar e estudar as fontes galegas documentais lingüísticas, literarias e antropolóxicas e, así mesmo, preparar e publicar materiais de divulgación, correspondente aos programas, proxectos e actividades mencionadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia