Skip to main content

Arranca o Spin 2016 na Cidade da Cultura de Compostela, promovido por REdEmprendia da USC

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao traballo conxunto entre emprendedores, universitarios, investigadores e inversores como a mellor ferramenta para seguir escribindo o futuro de Galicia.

Así o expresaba o xefe do Executivo galego en funcións na inauguración de Spin 2016, un evento de emprendemento universitario que se está a celebrar en Santiago e que conta coa presenza de 3.000 asistentes, 20 países, 100 universidades, 100 inversores e 50 ponentes.

Alí, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Feijóo puxo en valor a cooperación porque, como asegurou, “no mundo de hoxe non podemos camiñar sós”. Neste senso, fixo fincapé en que todo consiste en saber situar a cada un no lugar onde renda mellor e lograr que o equipo resultante sexa moito máis que a suma dos seus integrantes.

O presidente da Xunta en funcións subliñou que o reto global casa mal co illamento ou a desconfianza cara o outro e incidiu na importancia de fundamentar o emprendemento en soños, ideas e equipos.

Por outra banda, Feijóo concluíu que o emprendemento, a ansia de coñecemento e a certeza de que a verdade nos fai libres non son privativos de ningunha cultura ou crenza, senón que forman parte da esencia do ser humano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia