Skip to main content

A Xunta destina máis de 60 millóns de euros a medidas de promoción do emprego

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destina en 2005 un orzamento de 60.600.000 € a incentivos que favorezan a creación de emprego, a estabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral. As medidas recóllense en varias ordes publicadas onte no Diario Oficial de Galicia.

A orde de fomento da estabilidade laboral conta cun orzamento de 22.000.000€ e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Regula os programas de axudas á contratación indefinida de desempregados, que está subvencionada con importes de entre 3.000 e 5.400 euros. Tamén establece axudas para a contratación indefinida de traballadores pertencentes a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. Establece incentivos de entre 3.000 e 6.600 euros por contratación, en función do colectivo ao que pertenza o empregado e segundo sexa un contrato indefinido en orixe ou unha transformación doutro tipo de contrato.

Por último, incentiva con axudas de ata 4.600 euros os contratos indefinidos relacionados con proxectos de I+D, incrementándose a cantidade en 600 euros cando o traballador posúa o título de doutor ou cando sexa un beneficiario do programa Labora.

AXUDAS AO AUTOEMPREGO

O obxectivo destas axudas é contribuir a financiar os proxectos empresariais que faciliten a creación do posto de traballo a desempregados que queiran traballar por conta propia. Poderán beneficiarse das axudas as sociedades limitadas de nova creación que se constitúan cun capital fundacional inferior aos 120.000 euros e cun máximo de tres socios (todos deberán ser persoas físicas).

Estipúlanse axudas de ata 3.000 euros a través de reducción de xuros dos préstamos, cun límite máximo de catro puntos de xuro. Establécense tamén rendas de ata 3.000 euros para inicio de actividade, que non poderán superar o 50% do investimento inicial en activo fixo (o 60% no caso de ser unha muller). Concederase tamén unha axuda excepcional para o financiamento dos gastos realizados nos seis primeiros meses de actividade, que oscilarán entre os 600 e os 3.000 euros e serán un 10% maiores para os beneficiarios do programa Labora.

TRABALLADORES CON DISCAPACIDADE

A consellería de Emprego investirá este ano 8.500.000€ na promoción da integración laboral das persoas con discapacidade nun programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo. As axudas estipuladas están dirixidas á contratación indefinida de desempregados discapacitados, tanto en empresas ordinarias coma en centros especiais de emprego, e á promoción do emprego autónomo entre este colectivo.

O programa subvenciona a contratación indefinida inicial de traballadores con discapacidade cunha achega que pode acadar os 3.907 euros e que se complementa con bonificacións de entre o 70% e o 90% das cotas á Seguridade Social, segundo o traballador contratado sexa menor ou maior de 45 anos, respectivamente. No caso de que a beneficiaria sexa muller, as cotas serán do 90% e o 100% respectivamente.

Tamén se incentiva a adaptación dos postos de traballo, cunha axuda de 900 euros. Por outro lado, haberá subvencións á contratación de persoal con especiais dificultades a través do enclave laboral; hai dous anos introducíronse estes enclaves, que son grupos de traballo integrados por persoas con discapacidade que dependen laboralmente dun centro especial de emprego pero desenvolven o seu traballo na empresa ordinaria, gracias a unha relación de colaboración entre o centro e a empresa. Para contribuír a unha maior efectividade desta transición, a Xunta subvenciona dende este ano aquelas empresas que contraten con carácter indefinido a un traballador con discapacidade cunha axuda de ata 7.814 euros por traballador a xornada completa. Esta axuda será compatible cunha bonificación do 100% das cotizacións á Seguridade Social.

Paro o fomento do autoemprego das persoas con discapacidade, contémplase a reducción de ata catro puntos dos xuros dos préstamos que sexan necesarios para a constitución como traballadores autónomos por conta propia, cun límite de 4.500 euros. Outra das liñas de axuda deste programa é a subvención en función do investimento en activo fixo, que poderá ser de ata 3.900 euros. Ademais, habilítase unha renda para o inicio de actividade, que lle garante ás persoas con discapacidade que se constitúan en autónomos a percepción duns ingresos mínimos durante as primeiras etapas da posta en marcha do seu negocio (3.600 euros para os homes, 4.800 para as mulleres). Tamén se estipula unha subvención adicional de ata 3.000 € para financiar os gastos realizados nos seis primeiros meses de actividade. As axudas citadas anteriormente incrementaranse nun 10% cando os desempregados sexan beneficiarios do programa Labora.

Os centros especiais de emprego son un instrumento ponte cara ó emprego ordinario das persoas con discapacidade. Por iso, desde o departamento que dirixe Belén Prado se desenvolve un programa de apoio á creación, ampliación e mantemento do cadro de persoal destes centros. As subvencións terán unha contía máxima de 12.000 euros por cada posto de traballo creado de carácter indefinido.

COLECTIVOS DESFAVORECIDOS

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destinará un total de 6.500.000 euros a financiar distintos programas de incentivos á contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

As axudas serán de fomento da contratación temporal de empregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social -con axudas de entre 12.160 e 4.095 euros- para perceptores da renda de inclusión social, drogodependentes en rehabilitación ou rehabilitados, ex reclusos, inmigrantes, mulleres procedentes de casas de acollida, víctimas de violencia doméstica, menores tutelados pola Xunta e integrantes doutros colectivos con risco de exclusión.

Tamén haberá subvencións para promocionar os contratos en prácticas de mozos titulados (cun máximo de 2.700 €) e os contratos para a innovación tecnolóxica ( ata 4.200 €). E axudas para a contratación de desempregados incorporados ao programa Labora(ata 3.000 €).

CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL

A consellería ofrece axudas ás empresas con persoas que se reincorporen ao posto de traballo tras un período de descanso por maternidade/paternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos. Os incentivos abranguen, nos mesmos casos, reincorporacións ao exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas.

Nestes supostos, a Xunta concederá unha subvención en contía equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2005 do grupo de cotización ao que pertenza o traballador. Para os autónomos, a subvención suporá o importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización para o seu réxime. En ámbolos dous casos, o cálculo da bonificación farase sobre 12 mensualidades.

O programa ofrece tamén axudas para a substitución de traballadores en excedencia polo coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares. Así, poderán recibir subvencións os contratos de interinidade que se fagan a desempregados inscritos como demandantes de traballo no Servizo Público de Emprego. Estes contratos recibirán incentivos de ata 2.400 euros.

PRAZOS

O prazo para solicitar calquera das axudas de promoción do emprego remata o 30 de decembro, excepto no caso dos incentivos referentes ao fomento da estabilidade, que poderán solicitarse ata o 30 de xuño de 2005.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia