Skip to main content

O 061 aconsella extrema-las precaucións nos desprazamentos nesta Semana Santa

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda extrema-las precaucións para evita-los accidentes na saída de vacacións de Semana Santa, así como aconsella á poboación como actuar no caso de atoparse cun accidente de tráfico, xa que a colaboración co 061 pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves.

O 061 é un dos primeiros participantes intervenientes nos accidentes de tráfico, sendo estes o segundo motivo de demanda de asistencia sanitaria na Central de Coordinación do 061. A persoa que se atopa no lugar do incidente pode ser de grande utilidade; por isto, a Fundación 061 quere aconsellar á poboación como actuar no caso de se atopar cun accidente de tráfico:

Aproxímese prudentemente, e determine o número de feridos, en que estado están, e se hai persoas inconscientes e atrapados dentro dos vehículos.

Consiga un teléfono e marque o 061 (Urxencias Sanitarias para toda Galicia). Informe, con precisión, do lugar exacto do accidente, para poder envia-la axuda o máis axiña posible. Facilítelle á persoa que o atenda toda a información que lle solicite: número e tipo de vehículos implicados, estado dos feridos, etc.

Despois falará con vostede un médico da Central de Coordinación do 061. Este indicaralle como pode axudar. A súa colaboración pode ser moi útil aínda que non teña experiencia. Manteña sempre o contacto por teléfono mentres chega a axuda do 061.

Lembre que é moi importante non evacuar os feridos por medios propios sen indicación do médico. Tampouco os mova, nin lle retire o casco se son motoristas, para non lles provocar lesións medulares ou agrava-lo seu estado. Mentres agarda que chegue a asistencia sanitaria, protexa aos feridos do frío e conserve a calma.
Sinalice o lugar do accidente e poña o seu vehículo fóra da calzada. Apague o motor e as luces dos vehículos accidentados retirando as chaves do contacto e en caso de camións informe sobre se é posible a presencia de substancias inflamables ou perigosas.

A colaboración co 061 pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves.

17 MORTOS NESTAS DATAS NO 2004

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servicios prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia dentro do ámbito da comunidade galega rexistrou, na Semana Santa do ano pasado, 247 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 354 persoas.

Das 247 asistencias por accidente de tráfico que se realizaron neste período, atendéronse 354 lesionados e resultaron mortas 17 persoas. En relación ao sexo dos feridos, a proporción de homes atendida foi do 69% e a de mulleres un 31%. En canto ás idades dos lesionados, obsérvase o tanto por cento máis elevado, un 53%, nas idades comprendidas entre os 15 e os 34 anos. Pontevedra foi a provincia que rexistrou máis incidentes durante a Semana Santa.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as demandas na Central de Coordinación do 061 foron 369. A relación das mobilizacións provocadas polos incidentes foi a seguinte: A UVI móbil mobilizouse en 25 dos casos, o helicóptero medicalizado en 6, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 263 ocasións, as ambulancias concertadas en 31 incidentes, e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 44 sinistros.

En 293 casos os traslados realizáronse aos centros hospitalarios correspondentes e en 18 casos ó centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de atención primaria. Os lesionados restantes foron atendidos no propio lugar do incidente.

Dende a Consellería de Sanidade recoméndase extremalas precaucións nas estradas e no caso de atoparse cun accidente de tráfico: consiga un teléfono e marque o 061 (Urxencias Sanitarias para toda Galicia). Informe, con precisión, do lugar exacto do accidente, para poder envía-la axuda o máis axiña posible. Facilítelle á persoa que o atenda toda a información que lle solicite: número e tipo de vehículos implicados, estado dos feridos, etc.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)