Skip to main content

O Centro de Transfusión de Galicia lembra a necesidade de doar sangue en Semana Santa

Facilitar o acceso dos cidadáns á doazón de sangue é o principal obxectivo da campaña de doazón en Semana Santa que promove a Consellería de Sanidade por medio do Centro de Transfusión de Galicia (CTG).

As dez unidades móbiles do CTG visitarán, ao longo da vindeira semana, máis de 30 concellos galegos para acadar a participación necesaria para garantir o desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos que, cada día, precisan 500 doazóns de sangue. As necesidades de compoñentes sanguíneos no diminúen neste período vacacional xa que se incrementan as urxencias derivadas dos accidentes de tráfico.

RESULTADOS 2004

Durante a campaña de Semana Santa do pasado ano 2004 se obtiveron 1.745 doazóns, das que 172 doazóns foron realizadas por persoas que participaban por primeira vez. Esta cifra supuxo un incremento do 20% con respecto ao número de doadores novos rexistrados na Semana Santa do exercicio anterior.

O CTG agarda novamente contar coa participación dos cidadáns nesta campaña de doazón de sangue e, para iso, tenta ofrecer as máximas facilidades aos cidadáns, desprazando dez unidades móbiles cada día. Ademais, tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas.


LUGAR HORARIO
CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA (Santiago) Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ABENTE Y LAGO
(A Coruña) Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL NOVOA SANTOS (Ferrol) Luns e venres das 8.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 15.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL SAN JOSÉ (Lugo) Luns e venres das 8.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 15.00 ás 22.00 horas
CENTRO DE ESPECIALIDADES (Ourense) Luns a venres das 15.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL (Pontevedra) Luns a venres das 15.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA (Vigo) Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas

DOAR: MOI SINXELO

Pode doar sangue calquera persoa de 18 a 65 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C,...). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.

Entre cada doazón ten que pasar un mínimo de dous meses. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e tres as mulleres. Non se debe acudir sen almorzar e despois de xantar haberá que deixar pasar dúas horas.

PROCESO RÁPIDO E SEGURO

A doazón é un proceso moi sinxelo e seguro para o doador. Antes da doazón un médico realiza unha entrevista confidencial, para descartar calquera aspecto que a impida e preservar a saúde do doador. Mídese o pulso, a tensión arterial e cunha gota de sangue dun dedo descártase unha posible anemia.

A doazón de sangue dura uns cinco minutos. Utilízase material estéril e dun só uso polo que é imposible contraer enfermidades coma a hepatite ou a SIDA. Ademais, a doazón non debilita o organismo xa que o volume de sangue doado (450 ml) recupérase de inmediato, soamente bebendo auga ou refrescos.

Despois da doazón, o cidadán recibirá no seu domicilio, de xeito confidencial, un carné que acredita a súa condición de doador, ademais dos resultados das análises realizadas para o coñecemento do seu estado de saúde. A posesión do carné de doador non obriga a doar un número determinado de veces ao ano, xa que a lei sinala a voluntariedade deste acto.

ACTIVIDADE ASISTENCIAL

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que iniciou as súas actividades no ano 1993, envía compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os hospitais galegos e se encarga dos labores de procesamento, análise e conservación de todas as doazóns recollidas diariamente en Galicia tanto nas unidades móbiles como nos locais de doazón de sangue.

Os hospitais galegos atenden cada ano 135.000 intervencións cirúrxicas, 800.000 urxencias e 700 trasplantes. Nalgúns accidentes de tráfico ou nos transplantes de fígado é preciso utilizar o sangue que doan 40 ou 50 persoas e, as veces, máis.

Para posibilitar a realización deste importante labor asistencial é necesario obter unhas 125.000 doazóns de sangue anuais. Este obxectivo é doado de acadar se cada cidadán galego doase sangue alomenos unha vez ao ano.

Nese sentido, convén salientar que Galicia era en 1992 a última Comunidade Autónoma de España en índice de doazón. Tras doce anos de traballo do CTG é a Comunidade de maior crecemento superando a media estatal e acadando 45 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer as datas dos desprazamentos das unidades móbiles, o Centro de Transfusión de Galicia tamén dispón dunha páxina web (www.ctg.es) e un teléfono gratuíto de información ao doador:
900 100 828
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)