Skip to main content

Os nenos aprenden primeiros auxilios con novos contos de Os Bolechas

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, presentaron, no Centro de Educación Infantil e Primaria Raíña Fabiola de Santiago, a nova colección de contos dos Bolechas co obxectivo de mellorar a formación en primeiros auxilios dos nenos e das nenas en idade escolar.

Nesta nova colección de libros, que consta de oito contos, os Bolechas ensinan, coa colaboración do 061 de Galicia, como os nenos e nenas deben realizar axeitadamente as técnicas de primeiros auxilios naquelas situacións que os máis pequenos adoitan atopar con maior frecuencia. Todos os contos están baseados en textos moi breves que presentan diferentes situacións dunha maneira sinxela, atractiva e fundamentalmente visual para facilitar a aprendizaxe.

Durante o acto de presentación, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou a importancia de que os nenos e nenas reciban formación en primeiros auxilios desde idades temperás e a través de personaxes coñecidos porque, desta maneira, a aprendizaxe é moito máis sinxela, incrementa neles o interese por aprender e perdura no tempo.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, subliñou a colaboración entre administracións en todo o que repercuta no benestar dos rapaces, como é o caso desta iniciativa para formalos no eido dos primeiros auxilios dunha maneira lúdica e divertida a través dos contos dos Bolechas. Unha aprendizaxe que, segundo Corredoira, non repercute só nos propios cativos, senón que eles mesmos poder exercer de correa de transmisión dos seus coñecementos para as súas familias (pais, avós,...).

Os libros presentados forman parte dunha colección de seis contos nos que os Bolechas describen como actuar ante aquelas situacións que os máis pequenos adoitan atopar con maior frecuencia: insolacións e queimaduras polo sol, hemorraxias polo nariz, picaduras de abellas, trabadas de animais, feridas con obxectos cortantes e queimaduras. A maiores, esta serie conta cun caderno de natureza didáctica para que os nenos e nenas podan repasar o aprendido e cun conto no que os Bolechas coñecen o 061 de Galicia facendo unha visita virtual ás súas instalacións.

Así, o director do 061 de Galicia, José Antonio Iglesias, subliñou tamén a importancia do coñecemento de que, ante unha situación de risco para a saúde, os nenos e nenas poden poñerse en contacto co 061 e alertar ao sistema de emerxencias. A súa chamada pode ser fundamental para minimizar secuelas e incluso salvar vidas.

Para rematar o acto, o xerente do Servizo Galego de Saúde e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa entregaron un agasallo coa nova colección de contos dos Bolechas a todos os nenos e nenas que cursan este ano educación infantil no centro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia