Skip to main content

A Consellería de Cultura achega 116.000 euros ás obras da cuberta do Convento da Concepción de Viveiro

A cuberta do convento da Nosa Señora da Concepción de Viveiro está sendo obxecto duns traballos de reparación nos que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo inviste máis de 116.000 euros. Esta partida económica intégrase no plan de renovación dos elementos estruturais deste templo da provincia luguesa, e que desta volta inclúe tamén a rehabilitación do piso baixocuberta da ala norte do claustro do edificio.

As actuacións nas cubertas consisten no levantamento das xa existentes para facilita-la limpeza e igualado das cabezas dos muros. A continuación colocaranse novas cerchas de madeira, unha cuberta nova realizada con lousas de pizarra e canalizacións feitas con material de zinc-titanio. Polo que respecta ao baixocuberta, o mal estado do chan aconsella o seu levantamento e a súa substitución por un entarimado de castiñeiro que será colocado sobre puntóns elaborados co mesmo tipo de madeira.

IMPERMEABILIZACIÓN

O obxecto destas intervencións, que veñen a completar outras realizadas no mesmo cenobio, é o de procura-la impermeabilización total dos elementos construtivos. Os traballos exténdense nun área de 270 metros cadrados na zona norte do edificio e que está delimitada polas cubertas, a derradeira pranta do área de celdas e o corredor do claustro.

As obras de recuperación do Convento da Nosa Señora da Concepción de Viveiro véñense sucedendo dende fai sete anos coa finalidade de renovar e asegura-la estrutura do edificio. Entre as tarefas desenvolvidas ata o de agora para tal efecto cómpre salienta-la mellora da estrutura e piso nos corredores do claustro, a reforma interior do primeiro piso, as celdas e o espacios anexos, así como as instalacións e obras na cuberta da parte traseira da igrexa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia