Skip to main content

A Xunta de Galicia destina máis de 1,3 millóns de euros a 139 prazas públicas en servizos residenciais e de atención diúrna que xestiona ASPNAIS

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, coñeceu de primeira man os servizos e programas que desenvolve a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) durante unha visita ás instalacións desta entidade. A administración autonómica achega este ano un total de 1.364.055,24 euros ao concerto de 139 prazas públicas de atención diúrna e residencial nos centros que xestiona ASPNAIS, cuxos 50 anos de traxectoria no campo da discapacidade a converten nun referente en Galicia.

Rey Varela salientou o traballo de ASPNAIS por conseguir que os usuarios dos seus servizos teñen unha vida o máis integrada posible nos ámbitos social, educativo e laboral; así como por “visualizar as diferentes capacidades daqueles que nacen cun diagnóstico que, a modo de sentenza, os condena a demostrar con máis esforzo que calquera outra persoa a súa valía”, dixo. Nesta liña, o responsable en funcións da área social da Xunta garantiu o apoio e colaboración do Goberno galego “neste compromiso compartido por todos de avanzar polos dereitos, a integración e a visibilidade das persoas con discapacidade intelectual”.

Ao respecto, Rey Varela explicou que a proposta da Xunta de Galicia é garantir que as familias poidan elixir o centro que desexen para os seus fillos ou outros parentes dependentes que teñan ao seu cargo, de aí a modificación da Lei de Servizos Sociais. Ao fío disto, o conselleiro interesouse polo novo proxecto de ASPNAIS, que ten a intención de seguir ampliando os servizos que presta a través do novo centro que está a habilitar nas instalacións do antigo Hospital San José.

Medio século de traxectoria

A Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo constitúese en 1966, polo que este ano cumpre os seus primeiros 50 anos de vida. O seu obxectivo é integrar social, educativa e laboralmente ás persoas con algún tipo de discapacidade intelectual.

A entidade dispón de máis de 40 persoas no seu equipo de profesionais, entre coidadores, psicólogos, mestres...; e as infraestruturas coas que conta son as seguintes: o centro de día José López (40 prazas, 26 concertadas); dous centros ocupacionais –o Manuel Millán (80 prazas, 71 concertadas) e o ASPNAIS Nº2 (55 prazas); o centro residencial Concepción Teijeiro Revilla (42 prazas, 35 concertadas); unha residencia para persoas gravemente afectadas (7 prazas, todas elas concertadas); e unha vivenda tutelada (4 prazas).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia