Skip to main content

Xuventude Galicia Net pecha as súas portas tras tres xornadas ininterrompidas de conexión á rede

O encontro de internautas Xuventude Galicia Net 2005 (X_G_N), organizado pola Dirección de Xuventude, chegou ao seu fin tras tres xornadas de conexión a Internet no Pazo de Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela. Ao acto de clausura acudiu a conselleira de Familia, Pilar Rojo, quen, acompañada dalgúns patrocinadores e cargos do seu departamento, procedeu á entrega dos premios das distintas categorías.

O gañador do concurso de “Vídeo X_G_N”, no que competiron distintas grabacións realizadas durante os tres días do encontro, foi Rafael Carbayeda Castro, a quen se lle entregou un portátil de última xeración Toshiba e un vale de 60 euros. No xogo por equipos “Counter Strike”, o conxunto gañador foi Clan Nonsense.DCT. Os seus membros repartíronse cinco tarxetas X800, cinco grabadores de DVD, cinco soundblaster de 24 bits e cinco placas base. No de “Gráficos 2D”, o premio, dotado cun ordenador Pentium IV e un monitor TFT de 17 pulgadas e un vale de 60 euros, foi para Martín Martínez Barbudo.

Na modalidade de fotografía “Descubre Santiago” o principal galardón foi Rosa María Sanz Herrero, a quen lle correspondeu unha cámara dixital; en “Gráficos en tres dimensións” resultou premiado Ramón López Seco de Herrera, quen obtivo unha tarxeta de video valorada en 450 euros e unha cámara Kodak; en “Animación”, fíxose co galardón Iván Rodríguez Arós, a quen se lle obsequiou cun portátil e un vale de compra de 60 euros do Corte Inglés, o mesmo premio lle correspondeu ao gañador do concurso “Deseño de páxinas web”, Javier Val Barbeira e, na categoría de “Case-Mod” (deseño de caixas PC), Alejandro Rico Plata fíxose cun portátil HP.

Na entrega dos galardóns acompañaron a Pilar Rojo a directora adxunta de Institucións e Comunicación de Caixa Galicia, Isabel Pignatelli; o xefe de ventas de Telefónica España en Galicia, Miguel Hinojosa; o director de Filmax Galicia, Xosé Manuel Barreira; a directora xeral de Xuventude, Loreto San Martín; o director xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería de Presidencia, Álvaro Rodríguez Carballo, e o secretario xeral da Consellería de Familia, Javier Batán.

Nesta edición de XGN a saída de Internet foi ampliada dos 34 megas do ano pasado aos 134, e a velocidade da rede interna pasou a ser de 1.000 Megabits (1 Gigabit), co que se multiplicou por 10 a velocidade de 2004. Deste xeito, XGN converteuse no primeiro evento destas características que realiza a conexión a este nivel. A participación na zona de libre acceso, extranet, aumentou dos 20.000 que se achegaron na pasada edición aos 35.000 da que se clausurou hoxe.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia