Skip to main content

Pescado o primeiro salmón do ano en Galicia

O pescador da localidade asturiana de Cangas de Onís, José Manuel Mori Cuesta, pescou no couto de San Tirso do río Eo -no concello de Trabada- o primeiro salmón desta tempada de pesca en Galicia. O exemplar mediu 76 centímetros e pesou 4.800 gramos e foi capturado con cebo natural (miñoca). A captura tivo lugar a mediodía nun tramo do río nos que a xestión da pesca é compartida entre Galicia e Asturias.

O período hábil para a pesca do salmón está aberta dende onte no río Eo, onde non hai cupos de captura. A apertura non se fará efectiva ata o vindeiro 1 de maio nos coutos de Betanzos (río Mandeo), Celeiro (río Masma), Sinde (río Ulla), Couso (río Ulla), Ximonde (río Ulla), Monteporreiro (río Lérez) e Frieira (río Miño). A tempada de pesca permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de xullo en todos os coutos, aínda que en todos os tramos de río (agás nos do Eo) se adiantará o peche da tempada cando se complete o correspondente cupo.

Segundo se establece nos cupos anuais de captura de salmón, nesta tempada poderán pescarse 40 exemplares no río Masma e no Ulla e 5 no Miño e Mandeo. En todo caso, só se permite a pesca dun exemplar por día e persoa.

Para a captura de salmón, os pescadores poderán empregar todos os cebos autorizados ata o 31 de maio. Do 1 de xuño ata fin de tempada prohíbese o uso da culleriña, excepto no couto de Frieira. Os salmóns capturados deben ter un tamaño mínimo de 40 centímetros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia