Skip to main content

O audiovisual galego aposta pola innovación e a tecnoloxía como claves de futuro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que o sector audiovisual galego se sitúa á vangarda e pode servir de exemplo a outras industrias na aposta pola innovación e a tecnoloxía como claves de futuro. O conselleiro participou na clausura da 10ª edición do pitching “I+P. Ideas para producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, na que se presentaron un total de 15 proxectos, entre os que se atopan sete longametraxes, dous documentais, cinco series e miniseries e un documental para televisión.

Tal e como subliñou Conde, esta xornada de referencia para o sector audiovisual é un punto de encontro que permite ás empresas buscar financiamento e alianzas de cara á coprodución, e, no caso dos proxectos xa desenvolvidos, impulsar a comercialización contactando con distribuidoras, programadores e responsables de vendas internacionais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o Goberno galego traballa para que ningún proxecto quede sen levarse a cabo por falta de apoio, para o que sinalou que tanto a Administración como o sector privado teñen que estar ao lado dos creadores e emprendedores. Non só achegando financiamento, sinalou, senón tamén poñendo á súa disposición as ferramentas e o estímulo que necesitan.

Nesa liña van instrumentos como a Rede Galega de Business Angels, que facilita a coordinación de recursos públicos e privados; a Unidade Galicia Emprende, que achega formación e asesoramento para apoiar os procesos de creación e consolidación de novas empresas, ou a Rede de Aceleradoras de Emprendemento, ás que se incorpora, en colaboración coa EOI, unha específica para impulsar a industria audiovisual. O conselleiro destacou así mesmo que neste labor de estímulo teñen tamén un importante papel os clústers, impulsando proxectos innovadores que incrementan a competitividade das pemes e estratexias conxuntas que permiten avanzar con paso seguro nos mercados exteriores. Neste eido, Francisco Conde salientou o Clúster Audiovisual galego como un dos máis activos.

O conselleiro lembrou, ademais, que está en elaboración o Plan do Audiovisual para esta lexislatura, centrado en eixos como o financiamento das industrias culturais; o papel da TVG; o patrimonio audiovisual; Galicia como plató de rodaxe e a internacionalización.

Neste último apartado o Igape presta apoio e participación pola importancia para a economía galega dun sector que engloba a máis de 400 empresas que suman unha facturación anual de máis de 600 millóns de euros e que empregan a máis de 4.000 persoas na nosa comunidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia