Skip to main content

El País en ruta celebra en Santiago de Compostela o 40º aniversario do xornal

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o papel dos parlamentos e dos medios de comunicación como foros nos que asistir a un debate fecundo de ideas e posicións, “no que tanto o gañador como o perdedor son sempre provisionais”, aseverou.

Durante a inauguración da exposición El País en ruta, Santiago de Compostela, Feijóo lembrou que a democracia, como sistema flexible, fai posible corrixir erros, matizar rumbos e trasladar con présa as demandas cidadás ás institucións; “e é esa flexibilidade a que explica a súa pervivencia, fronte a modelos en aparencia máis fortes, pero ríxidos”, precisou.

“Os parlamentos e as democracias son outros inventos antigos tampouco superados. Abolidos, desprezados, atacados, pero nunca superados. Ningún pobo prescindiu voluntariamente da democracia nin do parlamento. Sempre foron aqueles que suplantan a vontade da xente ou se presentan como os seus únicos representantes, os que se apresuran a enterralos”, abundou, facendo fincapé en que os mesmos que insisten en declaralos obsoletos e incapaces teiman en limitalos ou suprimilos.

En relación aos medios de comunicación, o titular do Goberno galego subliñou que serven para rexistrar a historia cotiá dun pobo e agrupar en torno a eles os cidadáns desexosos de informarse, comunicarse e facerse oír. “Os xornais son a ágora moderna, o lugar onde se condensa a vida dun país e onde latexa o sentir dos que o habitan”, dixo, incidindo en que o seu éxito, tamén o dá a xente, mediante “un plebiscito esixente, diario e mesmo instantáneo cando se trata da oferta dixital”.

Nesta liña, destacou o valor desta exposición, xa que repasar os últimos 40 anos da man destas fotografías, dixo, permite valorar o noso pasado tal como foi, sen que ninguén teña a tentación de reescribilo. “Son un garante de que o futuro coñeza o rexurdimento que está protagonizando o noso pobo, axudado por instrumentos antigos pero insubstituíbles, como os medios de comunicación, convivindo nunha democracia que se renova e actualiza todos os días”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia