Skip to main content

Localizadores de cine e televisión visitan os espazos arquitectónicos da Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura recibiu unha visita dun grupo de profesionais de grupos de comunicación, produtoras e empresas do mundo do cine e da televisión interesados en coñecer os diferentes espazos arquitectónicos do Gaiás para valoralos como localizacións de futuras producións audiovisuais.

O grupo participou nunha visita guiada especial organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia na que puideron explorar non só os espazos exteriores e interiores do complexo, senón outro tipo de zonas habitualmente non abertas ao público xeral, como a galería subterránea que comunica todos os edificios, a zona de caldeiras ou baixo cubertas.

A visita forma parte das xornadas ‘I+P, ideas para producir’ organizada pola Film Commission, o Concello de Santiago de Compostela e o Cluster Audiovisual Galego, e que inclúe no seu programa un percorrido por partes emblemáticas da capital galega. En edicións anteriores visitaron, por exemplo, a Catedral de Santiago ou o Pazo de Fonseca.

No grupo que participou nesta visita participaban representantes de Mediaset, RTPA, Canal #0, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Mod Producciones ouMusic Library, ademais do propio Clúster do Audiovisual Galego e a Film Commission.

A forza visual da Cidade da Cultura converte os seus espazos arquitectónicos en escenario habitual de rodaxes audiovisuais e proxectos fotográficos profesonais, como ten ocorrido neste mesmo ano con‘Sicixia’, a nova película de Ignacio Vilar, ou con firmas de moda como Pull& Bear.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia