Skip to main content

Medio Ambiente cubre sistemáticamente as baixas do persoal contra incendios

A Consellería de Medio Ambiente cubre de maneira sistemática todas as baixas de acordo cos procedementos previstos. O volume de traballo das utlimas xornadas puido ralentizar estas substitucións xa que, como o sindicato Comisións Obreiras coñece, os mecanismos deben garantir a obxectividade. Sorprende, polo tanto, que unha forza sindical que coñece o procedemento o critique, xa que de acordo coa normativa, as substitucións non poden ser inmediatas, polo que poden producirse de maneira puntual acumulacións, xa que estamos a falar, no caso do persoal contra incendios, dun plantel fixo de 2.300 persoas.

En calquera caso, desde a Consellería quérese agradecer unha vez máis a profesionalidade e a entrega de todo o persoal que constitúe os equipos de defensa contra incendios ante circunstancias tan adversas como as rexistradas nestes días, e laméntase da utilización interesada da situación por parte de certos colectivos para confundir a opinión pública. Neste sentido, sorprende tamén a ausencia de alusións á clara intencionalidade dos incendios e aos auténticos responsables dos lumes. Ademais, Medio Ambiente rexeita as críticas de Comisións Obreiras sobre escurantismo e insiste na transparencia e dispoñibilidade dos seus datos.

Respecto dos comunicados difundidos polos colectivos ADEGA e Amigos da Terra, Medio Ambiente quere aclarar que o volume de incendios rexistrado nas últimas xornadas si foi extraordinario e, evidentemente, consecuencia da pertinaz seca que levamos padecendo en Galicia no que vai de ano. Neste sentido, a Consellería quere aclarar tamén que a chuvia non apaga os incendios, xa que este labor o desenvovlen con toda profesionalidade as brigadas de extinción, pero si impide a actividade incendiaira e a rápida propagación dos lumes. Cómpre salientar que case o 50 por centos dos incendios rexistrados nos últimos días comezaron en horario nocturno, o que proba a súa intencionalidade.

En canto ás críticas contra o Consello Forestal de Galicia, cómpre salientar que se trata dun organismo plural e con representación de todos os axentes directamente relacionados coa xestión forestal, en especial os propietarios e usarios do monte como principais actores. Medio Ambiente defende tamén o sistema de certificación forestal PEFC como garante de sostibilidade dos montes galegos, xa que se trata dun sistema con ampla participación social e de recoñecido prestixio. En calquera caso, Medio Ambiente participa tamén no sistema FSC.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia