Skip to main content

Galicia e Portugal promoven o III Premio Literario Nortear para a mocidade escritora galego-lusa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e mais a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) promoven a terceira edición do Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal, “un certame que abre novas portas a ambas as beiras do Miño para a xuventude galega e portuguesa, e novas vías de dialogo entre as dúas literaturas”.

Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación das bases da nova convocatoria certame, que tivo lugar en Paredes de Coura (Portugal) nun acto no que tamén se presentou o libro cos traballos galardoados na primeira edición, de Lara Dopazo e João Maria Cardoso, ademais de entregar o premio da segunda, na que resultou gañador Rui Cerqueira.

Segundo explicou, “desde a Xunta de Galicia consideramos que é unha forma óptima de propiciar un maior coñecemento das novas voces de ambas as beiras do Miño e, ao mesmo tempo, unha maneira de favorecer que a relación cultural entre a cultura galega e a cultura do norte de Portugal sexa cada vez máis fluída”.

Impulso a proxectos culturais comúns

Na súa intervención, o secretario xeral enmarcou o certame no espírito co que o Parlamento de Galicia aprobaba na pasada lexislatura a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Neste contexto, o premio é froito do memorando de entendemento asinado en 2015 polas tres entidades convocantes, que cualificou como “un marco de traballo desde a colaboración para o potenciamento da creatividade e da visibilidade dos proxectos culturais comúns de Galicia e do Norte de Portugal”.

Entre as iniciativas impulsadas ao abeiro deste memorando, Anxo Lorenzo recordou o ciclo de Conversas Nortear, con encontros entre escritores galegos e portugueses, e mais iniciativas como o intercambio de fondos bibliográficos para a sección portuguesa da Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, en Casa Allen, do Porto.

“Esperamos que este camiño iniciado –concluíu o secretario xeral– vaia sendo ensanchado e mesmo que vaia abrindo novos ramais no futuro, que nos permitan reforzar este interesante, enriquecedor e imprescindible diálogo cultural entre Galicia e a Rexión do Norte de Portugal”.

Nova convocatoria do certame

Dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra gañadora, o Premio Literario Nortear ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

O certame está dirixido a persoas nacidas e/ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, que poderán presentar as súas obras inéditas, de entre 5.000 e 8.000 palabras. O prazo para participar nesta terceira edición do premio está aberto ata o vindeiro 30 de abril de 2017. Na páxina web de Cultura, en www.cultura.gal/premios, poden consultarse as bases completas da convocatoria.

As primeiras edicións do premio

‘Nós arquipélago’, de Rui Cerqueira Coelho, foi a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.

Na primeira edición do premio a gañadora foi a xornalista galega Lara Dopazo Ruibal, pola obra ‘Clementina’, que acaba de ver a luz nunha publicación editada por Edita-Me e que inclúe tamén o relato que recibiu a mención de honra: ‘Coração cheio de nada', da autoría de João Maria Cardoso. A xornalista galega
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia