Skip to main content

Asuntos Sociais achega 207.285 euros ás Deputacións provinciais para o programa de Teleasistencia

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego Relacións Laborais colaborará coas catro Deputacións no financiamento do servizo de teleasistencia domiciliaria. O departamento autonómico achegará un total de 207.285 euros aos organismos provinciais para executar o programa durante o 2005. Así se recolle nos convenios asinados entre a responsable do departamento autonómico e os presidentes das Deputacións provinciais de Pontevedra e Ourense. Os acordos coas Deputación da Coruña e Lugo asinarase proximamente. Nos últimos anos o número de beneficiarios de teleasistencia foi incrementándose paulatinamente. As previsións da consellería para este ano indican que os usuarios do servizo serán o doble dos rexistrados no 2003.

A partida orzamentaria distribuirase da seguinte maneira: 73.859,04 euros para a Deputación de Lugo; 53.402,69 euros para a Deputación da Coruña; 48.999,17 euros para a Deputación de Ourense; e 31.024,80 euros para a Deputación de Pontevedra. A previsión de beneficiarios por provincias é de 2.010 persoas en Lugo, 1.554 usurarios na Coruña, 1.444 beneficiarios en Ourense e 1.050 en Pontevedra.

ATENCIÓN 24 HORAS

A teleasistencia domiciliaria é un servizo que, a través da liña telefónica e cun equipamento de comunicacións e informático específico, ubicado nun centro de atención e no domicilio dos usuarios, permite ás persoas maiores ou con discapacidade, comunicarse durante as 24 horas do día cun centro atendido por profesionais. Para establecer esta conexión, desde calquera lugar do seu domicilio, os usuarios só teñen que pulsar o botón dun medallón ou reloxo que levan constantemente posto.

Este servizo está dirixido a todos os cidadáns con limitacións na súa autonomía persoal, que vivan sós ou que pasen moito tempo nesa situación. Neste sentido, arredor do 96% dos usuarios son persoas con máis de 65 anos. Na actualidade a maioría das persoas incluídas no programa de teleasistencia domiciliaria en Galicia reciben atención a través dos acordos subscritos no seu día entre a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, o Imserso e as catro Deputacións Provinciais. Os concellos adhírense a eses convenios, incluíndo usuarios cando teñen persoas que demandan o programa e reúnen as condicións necesarias.

O custo do programa é de 22,4 euros ao mes, sendo a achega do usuario de entre 0 e 4,45 euros, segundo a ordenanza municipal vixente en cada concello que ten en conta as circunstancias persoais e socioeconómicas dos solicitantes. Para poder acceder ao servizo o usuario debe dispoñer de liña telefónica no seu domicilio, deixar a chave de acceso á vivenda nun domicilio cercano para casos de emexencia, facilitar todo o historial médico aos responsables do servizo e non padecer unha demencia grave que impida a utilización do dispositivo de urxencia.

O programa presta diferentes servizos: apoio inmediato a través da liña telefónica a diferentes demandas (caídas, enfermidades, situacións de angustia e soidade), movilización de recursos ante situacións de emerxencia, seguimento permanente desde o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas e axenda para lembrarlle ao usuario datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia