Skip to main content

Nova web de Meteogalicia para mellorar a información meteorolóxica e climática

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de modificar a páxina web de Meteogalicia (www.meteogalicia.gal) para incluír novos contidos que melloren a información meteorolóxica e climática que ofrece.

A principal novidade é o novo apartado que contén o resumo dos valores extremos observados na velocidade do vento, precipitación, e temperatura máxima e mínima. A información estará dispoñible tanto para o día en curso como para a xornada anterior, e organizarase en dous bloques: un para as estacións situadas por debaixo dos 900 metros –altitude do 90% do territorio galego-; e outro para aquelas ubicadas por riba desta altura.

Ademais do novo apartado, a páxina de inicio mostrará tamén un resumo destes valores e, entre o ocaso e o orto, o carrusel de imaxes de cámaras web será substituído por unha animación con mapas de Galicia que incluirán a interpolación desas variables extremas.

Outro apartado que se modifica é o de “observación”. Entre outros cambios, pasa a incluír tamén o resumo de valores extremos e a animación do mapa de Galicia, como na páxina de inicio; e amosará un carrusel das cámaras web e un listado cos últimos informes climatolóxicos dispoñibles.

Cabe destacar, ademais, que no apartado de cámaras habilitarase unha opción para visualizar a animación do día en curso e do anterior, e incluirase un enlace a unha imaxe coa vista que abarca a cámara.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia