Skip to main content

O Belén de Begonte estrea nova web e inaugura a exposición de pintura do XXVII Certame Galego de Arte

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou a exposición das pinturas do XXVII Certame de Arte do Belén de Begonte. Un ano máis este certame ábrese ao público na Sala de Exposicións da Delegación Territorial de Lugo onde permanece ata o día 12 de xaneiro de 2017 para logo trasladarse a Begonte.

Balseiro, acompañado polo alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, agradeceu ao Centro Cultural de Begonte, o esforzo realizado unha vez máis para fomentar e achegar as obras dos artistas lucenses e de fóra da provincia aos veciños e veciñas de Lugo.

Este ano concursan 19 obras de artistas de toda a xeografía galega, das cales catro son de autores da capital, oito do resto da provincia, sendo unha delas dun pintor de Begonte, dous de Vigo e cinco da Coruña. Son obras de diferentes formatos e estilos que optan a un premio de 1.500 euros que se entregará o 28 de xaneiro. O xurado está composto por tres relevantes especialistas en arte como son Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, Gonzalo Sánchez Folgueira “Zalo”, pintor e Manuel Gulín Rodríguez, pintor.

Na presentación estiveron presentes tamén o alcalde begontino, José Ulla Rocha, e Xulio Xiz, en representación do Centro Cultural de Begonte, José Domínguez Guizán e o párroco Jesús Domínguez, Pilar, viúva de José Rodríguez Varela, creador do Belén de Begonte, entre outros.

No transcurso do evento Xulio Xiz anunciou a posta en marcha da web do Belén de Begonte na que se pretende incorporar arredor de 10.000 documentos recompilados ao longo dos 45 transcorridos dende anos dende a súa creación.

O delegado, destacou este certame como unha das citas imprescindibles nesta época de Nadal que se constituíu nun referente cultural da provincia. Así mesmo gabou a calidade das 19 obras presentadas neste evento. Aproveitou tamén para lembrar a todos os colectivos culturais e sociais que as instalacións da Xunta en Lugo sempre estarán abertas a iniciativas deste tipo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia