Skip to main content

A Xunta convoca as axudas complementarias á mobilidade do programa Erasmus

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas complementarias para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que durante o curso 2016/2017 participa no Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus Estudo. Para tal fin, o departamento educativo da Xunta habilitou este ano unha contía de 1,4 millóns de euros, a mesma que no curso anterior. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170102/AnuncioG0164-161216-0002_gl.html .

Para este curso as axudas incrementan os seus importes, de tal forma que o mínimo ao mes pasa de 80 a 105 euros, a axuda intermedia de 120 a 145 e a máxima se eleva de 150 a 175 euros. Deste xeito, un ano máis, a galega será a mellor convocatoria de todo o Estado, ao establecer tamén en 9 meses a duración máxima da axuda, o que supón 2 meses máis do tope máximo de sete mensualidades establecido polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE).

Por primeira vez ademais, a solicitude da axuda deberá realizarse por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No curso 2015/2016 beneficiáronse destas bolsas un total de 1.143 estudantes. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento educativo da Xunta de Galicia convoca tamén axudas para o alumnado que realiza a mobilidade en países extracomunitarios, das que se beneficiaron 137 estudantes.

Contías mensuais

Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 105 e os 175 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses. En concreto, o importe será de 175 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega e Suíza), de 145 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 105 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2016/17 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia