Skip to main content

As tres redes de espectáculos da Agadic ofreceron 897 funcións escénicas e concertos durante todo o ano 2016

As tres redes de distribución de espectáculos escénicos e musicais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) pecharon 2016 cun balance de 897 funcións e concertos programados nos seus 83 espazos asociados. Esta cifra de actuacións supón un incremento próximo ao 10 por cento respecto á actividade rexistrada o ano anterior, durante o que a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), a Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e a Rede Galega de Salas (RGS) acolleron 819 representacións.

Este aumento ascende ao 14,26 por cento no caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que o ano pasado despregou unha carteleira de 545 actuacións en 39 concellos das catro provincias. Teatro, música, danza, maxia e novo circo tiveron cabida nesta programación, na que participaron 159 compañías e grupos musicais, galegos na súa meirande parte.

Investimento anual de 1,42 millóns de euros

A RGTA, que conmemorou en 2016 o vixésimo aniversario da súa posta en marcha, ten como obxectivo prioritario servir de canle estable para o encontro entre o público e a nova produción galega. A súa oferta anual estivo cofinanciada entre a Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, e as entidades xestoras dos 44 espazos asociados, cun investimento final de 1.423.169 euros.

Pola súa banda, a Rede Galega de Música ao Vivo cumpriu oito anos de actividade ininterrompida na procura dunha maior estabilidade na distribución de música en directo en locais de aforo reducido de toda Galicia. Promovido en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, este circuíto ofreceu en 2016 un total de 233 actuacións en 34 salas de 23 localidades. Neste caso, a Axencia Galega das Industrias Culturais asumiu o 85% do total de 108.742 euros que se destinaron a esta última programación anual, protagonizada por 76 formacións.

En canto á Rede Galega de Salas, os seus cinco espazos acolleron unha carteleira de 119 funcións desenvolvidas por 40 compañías, entre as que destacaron cuantitativamente as propostas específicas para o público infantil e familiar. O orzamento reservado a este circuíto, financiado integramente pola Agadic, foi de 60.000 euros.

A nova programación semestral destes tres circuítos, que será presentada proximamente, arrancará o vindeiro 12 de xaneiro e poderá ser consultada a través das seccións de axenda do web de Cultura da Xunta de Galicia (www.cultura.gal) e da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia