Skip to main content

Agadic apoia a organización dos 15º premios Mestre Mateo do Audiovisual, o 4 de marzo

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) volve apoiar a Academia Galega do Audiovisual (AGA) na organización dos Premios Mestre Mateo e dunha serie de actividades paralelas para reforzar o papel destes galardóns, que en 2017 celebran o seu décimo quinto aniversario, como instrumento de proxección social da industria galega do cinema e da televisión.

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Artes, presidente da Academia, asinaron o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, que este ano se adianta máis dun mes e terá lugar o 4 de marzo no Palexco da Coruña.

Ademais desta cerimonia, que será retransmitida por TVG, o programa de actividades da décimo quinta edición complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.

Tal e como se recolle no documento asinado hoxe, o obxectivo deste convenio é impulsar a visibilidade social do labor desenvolvido polo sector audiovisual en Galicia durante 2016. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocaron 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais.

No mesmo convenio, recoñécese o traballo desenvolvido pola Asociación Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “poñen en valor a profesionalidade e calidade dun sector en auxe en Galicia”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia