Skip to main content

O 061 de Galicia informará no II Salón Internacional da Saúde da actuación dos equipos de urxencias ante o síndrome coronario agudo

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aproveitará o II Salón Internacional da Saúde, que se celebrará en abril en Santiago, para ofrecer información sobre a actuación dos equipos de urxencias ante o síndrome coronario agudo, e farao a través do stand que terá na exposición xeral do Salón.

Unha das mellores respostas ao síndrome coronario agudo é a aplicación da desfibrilación, campo no que Galicia (que atende unha media de 800 paradas cardiorrespiratorias anuais) é pioneira, ao contar cun Decreto que regula o uso de desfibriladores por parte de persoal non médico, e ter implantado estes aparatos en toda a súa rede de transporte sanitario de urxencias.

Precisamente, o servizo do 061 galego vén de ser galardoado este mes co premio que Diario Médico e BearingPoint, en colaboración coa Escola Nacional de Sanidade do Instituto de Saúde Carlos III, conceden á Xestión en Atención Primaria, polo proxecto de Xestión Global de recursos para a Implantación dun Programa de Desfibrilación Externa Semiautomática (DESA) en Galicia. O obxectivo deste Plan é lograr unha atención ao paciente o máis rápida posible, cun intervalo entre a primeira alerta e a primeira desfibrilación inferior aos 5 minutos. Trátase do primeiro programa destas características que se pon en marcha en España, e ata o momento permitiu aos servizos de urxencias sanitarias do 061 conseguir unha supervivencia do 13 por cento en pacientes con parada cardiorrespiratoria, tal como asegura a directora da Fundación, Blanca García Varela.


MEDIA DE 3.000 CHAMADAS DIARIAS

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que ten a central de coordinación en Santiago, conta no apartado técnico cunhas 100 ambulancias asistenciais distribuídas por toda a xeografía galega, 8 medicalizadas e 2 helicópteros. En canto ao equipo humano, está composto por un total de 146 persoas, entre as que hai 76 médicos e 43 profesionais da enfermeiría.

O servizo de urxencias sanitarias de Galicia, que está operativo as 24 horas do día os 365 días do ano, recibe diariamente unha media de 3.000 chamadas, o que supón máis dun millón ao ano. As urxencias que atende con máis frecuencia correspóndense con perdas de consciencia -que soen estar relacionadas con accidentes cerebrovasculares-, seguidas de dores torácicos, e lesións por accidente de tráfico, “que concentran unha parte moi importante da atención dos profesionais de urxencias”, asegura Blanca García Varela. Por iso, ante os desprazamentos por estrada estes días, con motivo da Semana Santa, desde o 061 aconsellan extremar as precaucións.

Ademais da cobertura de emerxencias, este operativo realiza, entre outros, servizos de consulta médica, formación e investigación, información e asesoría a profesionais do ámbito da sanidade. O stand que terá no SIS será unha oportunidade única para coñecer de cerca cómo funciona o servizo de atención de urxencias e emerxencias sanitarias da comunidade galega.

PLANS DE EMERXENCIA HOSPITALARIA

A directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 forma parte do comité científico que elixiu os temas e ponentes que intervirán o próximo 13 de abril na Xornada do SIS dedicada aos Plans de Emerxencia Hospitalaria, elemento clave para calquera centro sanitario.

O adestramento persoal é o piar fundamental de todo Plan de Emerxencia, sendo as súas bases identificar os riscos máis probables do contorno, dispoñer dun plan de continxencia sinxelo para neutralizar eses riscos, e ensaiar posibles situacións de emerxencia, “mediante a realización de simulacros de complexidade crecente, que porán de manifesto problemas e solucións, sen poñer en risco as vidas das persoas”. Así o afirma Carlos Álvarez Leiva, presidente da Sociedade Española de Medicina de Catástrofes, que participará xunto a especialistas de diferentes Comunidades españolas nesta Xornada Científica do II Salón Internacional da Saúde.

Na actualidade, existe un grande interese por parte de profesionais e institucións, en mellorar a formación nun campo pouco coñecido como é o da medicina de catástrofes. O obxectivo, como en calquera actuación médica, é salvar o maior número de vidas, e por iso Álvarez Leiva explica que, “ante una catástrofe, non se poden conxestionar os hospitais con pacientes cuxa vida non corra serio perigo”. Isto significa que non todos os afectados polo desastre teñen que ir ao hospital: só deben facelo aquelas persoas que precisen tratamento cirúrxico; as demais “poden e deben ser atendidas en establecementos sanitarios dun nivel distinto”, asegura o presidente da Sociedade Española de Medicina de Catástrofes.

En todo caso, para evitar que os centros hospitalarios se vexan desbordados ante unha situación imprevista, estes deben contar cun Plan de Emerxencia sinxelo, sectorial (cada servizo e persoa debe saber qué facer en cada momento) e, sobre todo, ensaiado. “Só o adestramento do persoal sanitario permite aos actores implicados nunha emerxencia achegarse á realidade sen comprometer a vida de ninguén, e mellorar o rendemento final dos equipos”, recorda Carlos Álvarez Leiva.

A Xornada Científica de Plans de Emerxencia Hospitalaria desta segunda edición do Salón Internacional da Saúde tratará a organización e resposta dos equipos médico-sanitarios ante unha catástrofe, interna ou externa, atendendo ao papel da asistencia extrahospitalaria e o transporte sanitario, entre outros. As diferentes ponencias estarán moderadas polo director do Centro de Estudos Xudiciais e de Seguridade Pública de Galicia, José Antonio Vázquez Taín, e polo subdirector xeral de Ordenación Asistencial do Sergas, José Ramón Gómez Fernández.
Gabinete de Comunicación do SIS