Skip to main content

Cultura e Educación celebra o 24 de xaneiro no Gaiás unha xornada sobre o legado e o patrimonio de Camilo José Cela

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o 24 de xaneiro no Gaiás unha xornada na que profundar na figura, o legado e a posta en valor do patrimonio literario e iconográfico de Cela. No marco da exposición “CJC 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade”, que acolle o Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro, esta xornada contará co comisario da mostra, Adolfo Sotelo; a responsable da montaxe, Marta Villar; e o persoal da Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia.

A xornada ‘Camilo José Cela. O centenario dun Nobel’ arrancará ás 16:30 horas no Museo Centro Gaiás e abordará as múltiples caras do escritor galego: novelista, articulista, dramaturgo, poeta, académico... pero tamén editor, pintor, coleccionista ou actor. Será unha viaxe pola aventura persoal, intelectual, literaria e artística de Cela a través dos expertos que confeccionaron a exposición coa que se celebra o seu centenario.

De balde previa inscrición

O comisario da mostra, Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Decano da Facultade de Filoloxía e Letras da Universidade de Barcelona e director do seu Departamento de Filoloxía Hispánica, pronunciará unha conferencia na que a figura polifónica de Cela. Gran coñecedor dos seus escritos –traballa desde hai máis de vinte anos ao redor da personalidade e o universo literario do Premio Nobel, Sotelo Vázquez aportará novas visións dese personaxe poliédrico que foi o escritor de Iria Flavia.

Pola súa banda, a directora artística e decoradora Marta Villar Sanjurjo fará unha explicación da montaxe da exposición, ao tempo que o público descubre a mostra. Para rematar, a xornada contará coa Fundación Pública Gallega Camilo José Cela, fundada polo propio escritor e encargada, desde o seu falecemento en 2002, de custodiar e manter o inxente legado doado gratuitamente para a posteridade.

A xornada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia