Skip to main content

Acordo para o asentamento de novos proxectos empresariais na capital galega de cara ao Xacobeo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinaron un acordo co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o reitor da Universidade de Santiago (USC), Juan Viaño, os presidentes da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús J. Chenel, e da Cámara Oficial de Comercio, Jesús Asorey, para acadar a promoción e captación de investimentos e o asentamento de novos proxectos empresariais que xeren riqueza e emprego en Compostela e na comunidade.

Vázquez Mourelle explicou que o seu departamento continuará a traballar para poñer á disposición das empresas solo en condicións vantaxosas, como as que se ofrecen no parque industrial da Sionlla, con bonificacións do 30% no prezo do solo empresarial. Concretou que esta medida ten permitido que, nos dous últimos anos, se venderan preto de 70.000 metros de solo empresarial a prezos bonificados, máis de 43.000 destes metros no pasado ano 2016.

A titular de Infraestruturas tamén indicou que a Xunta seguirá a potenciar a oferta de solo en dereito de superficie –semellante a un alugueiro simbólico con dereito a compra-, que no caso do parque da Sionlla está ligado a sectores singulares, estratéxicos e preferentes para Santiago: a biotecnoloxía e da construción e rehabilitación sostible, polo tanto, todo o relacionado coas ciencias da saúde e coa transformación da madeira.

Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén está a traballar para dotar á zona norte de Santiago de infraestruturas axeitadas que contribúan ao desenvolvemento económico e social de Compostela. Neste contexto, cobra unha importancia estratéxica a variante de Aradas, que a Xunta vén de licitar hai unhas semanas e cuxa execución se iniciará a mediados deste ano.

Esta estrada de 1,6 km, que suporá un investimento de 6,9 millóns de euros, actuará de variante de toda a zona norte da cidade, canalizando os tráficos procedentes de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo; mellorará as conexións da zona empresarial; e retirará das rúas da cidade, na zona de Vite e Vista Alegre, máis de 3.000 vehículos diarios, a metade deles pesados.

Ethel Vázquez subliñou a importancia deste tipo de actuacións que o Executivo autonómico está a impulsar para lograr a dinamización económica e o crecemento da comunidade. Así, precisou que este convenio pretende xuntar os esforzos das distintas administracións e organismos privados e aproveitar sinerxías para promover o asentamento e consolidación de empresas neste polo industrial que xa é Santiago de Compostela, contribuíndo, entre todos e desde a capital de Galicia, ao desenvolvemento económico e social da cidade e de toda a comunidade.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que este convenio permitirá desenvolver actuacións que faciliten a planificación de novas iniciativas e infraestruturas que contribúan ao asentamento de empresas e á captación de investimentos, o que significa unha "oportunidade para seguir fixando tecido industrial en Santiago e favorecer o seu proceso de modernización". O conselleiro indicou que o acordo se enmarca tamén na aposta da Xunta pola Industria 4.0, a innovación e a internacionalización das empresas galegas. Neste sentido, destacou que en Santiago existen dous sectores emerxentes para fixar tecido empresarial e crear emprego de calidade: a biotecnoloxía e a industria da madeira, para a que lembrou a posta en marcha da Axencia da Industria Forestal de Galicia.

Este acordo completa o traballo que está a realizar a Xunta para impulsar os parques empresariais, como o plan de axudas ás infraestruturas dos polígonos industriais por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que investiu entre 2013 e 2016 ao redor de 6,5 millóns de euros no desenvolvemento de máis de 90 actuacións na provincia da Coruña.

Estas medidas, xunto a consolidación da recuperación económica de Galicia, tradúcense nun crecemento do 17% no número de empresas creadas en 2016 na provincia da Coruña, un punto por riba da media autonómica. Na provincia creáronse máis de cinco firmas cada día.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia