Skip to main content

Nokia, Techinicolor e Nagra participan no Dico Summit 2017 de contidos dixitais

Representantes de Nokia, Nagra e Technicolor mostrarán os alicerces sobre os que se asentan os novos contidos dixitais e que tecnoloxías sustentan a súa comercialización, distribución e protección no panel "Construíndo a base para os contidos dixitais do futuro". Esta mesa celebrarase o 24 de xaneiro durante a primeira xornada do evento internacional DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) o Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galego (CLAG).

Moderados polo presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez do Curral, o director de Servizos de Nagra-Iberia, Xavier Cosculluela; o responsable de Tecnoloxía de Nokia, Jaume Figueras e o director de Estratexia de Technicolor, Danny Vossen, exporán a visión e experiencia de tres multinacionais tecnolóxicas cun importante volume de negocio no sector dos contidos dixitais.

Sobre os relatores

Danny Vossen é o director de Estratexia, Desenvolvemento de Negocio e Márketing en Technicolor, unha das empresas líder, a nivel mundial, nos sectores multimedia e de entretemento. Techinocolor proporciona tecnoloxías de vídeo avanzadas para os distribuidores e creadores de contidos. Dispón, tamén, dun completo catálogo de propiedade intelectual no ámbito das tecnoloxías de imaxe.

Jaume Figueras Solanilla é responsable do departamento de Tecnoloxía de NOKIA para Grandes Empresas e Sector público na península Ibérica. A multinacional tecnolóxica Nokia emprega a innovación dos seus Laboratorios Nokia Bell para ofrecer o catálogo máis completo da industria de produtos, servizos e licenzas a empresas de comunicacións, grandes empresas e consumidores finais. Figueras achegará a experiencia da súa compañía en ámbitos punteiros e de gran importancia no futuro como as infraestruturas de comunicacións 5G, a realidade virtual e servizos dixitais de saúde.

Xavier Cosculluela é director de Operacións - Iberia en NAGRA e conta cunha experiencia de máis de 10 anos na industrial multimedia e a teledifusión. NAGRA, é unha división de TV dixital do Grupo Kudelski, que ofrece aos provedores de contidos e operadores de Televisión Dixital en todo o mundo plataformas e aplicacións seguras, abertas e integradas en plataformas de difusión, de banda ancha e móbiles.

Inscrición

A inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, pódese realizar a través da ligazón http://dicosummit.eventbrite.com. Os asistentes ao encontro, que se celebrará os días 24 e 25 de xaneiro, poderán coñecer as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos da man de profesionais e empresas referentes neste ámbito.

Ao longo de dúas xornadas, Dico Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por unha banda, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisual, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

Showroom, Networking e Concurso de ideas

DICO Summit contará tamén cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no campo dos contidos dixitais.

A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través da dirección electrónica info@dicosummit.gal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia